logo

O IGAPE CONVOCA OS OBRADOIROS E AXUDAS Á DIXITALIZIACIÓN INDUSTRIA 4.0

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica acordou aprobar as bases reguladoras dos obradoiros e das axudas do Igape á dixitalización Industria 4.0 susceptibles de seren financiadas no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19.

Coas axudas preténdese contrarrestar os prexuízos ocasionados ás empresas e preservar a continuidade da actividade económica despois do abrocho da COVID-19, impulsando o desenvolvemento de proxectos de dixitalización de procesos internos da empresa e proxectos de conectividade entre empresas coa implantación de solucións colaborativas de conexión e comunicación entre procesos de distintas empresas, e as accións de deseño, desenvolvemento e adaptación das devanditas solucións.

Farase un esforzo adicional para incentivar ás pemes de tres sectores moi afectados pola crise e evolución do negocio, como son o sector téxtil-moda, o sector da automoción e o sector da industria auxiliar do naval.

Pola súa banda, os obradoiros incentivan a creación de espazos de colaboración entre empresas (mínimo 6) para explorar solucións tecnolóxicas e vías de colaboración na implementación de ferramentas dixitais colaborativas, así como oportunidades de hibridación intersectorial, e deben funcionar como xeradores de proxectos que, máis tarde, poden presentarse ás axudas, aínda que tamén poden ser proxectos xurdidos espontaneamente entre as empresas.

Orzamento

O financiamento dos obradoiros farase con cargo a fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia, mentras que as axudas ás pemes son susceptibles de ser financiadas ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19.

O orzamento total é de 7.400.000 euros cunha distribución plurianual de:

Obradoiros: Un total de 400.000 euros distribuidos en 20.000 euros para o ano 2021 e 380.000 euros para o ano 2022.

Axudas: 450.000 e 50.000 euros para o ano 2021. Para o ano 2022, 6.150.000 e 350.000 euros.

Solicitude

Para presentar a solicitude, que deberá facerse obrigatoriamente por medio electrónicos, a entidade solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para a cal solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

OBRADOIROS

Obxecto

Os obradoiros concíbense como espazos de encontro entre empresas para explorar solucións tecnolóxicas e vías de colaboración que dean lugar a proxectos de implementación de ferramentas dixitais colaborativas sectoriais susceptibles de optar ás axudas establecidas nestas bases ou noutras convocatorias, ou ben oportunidades de hibridación intersectorial.

Estes espazos de encontro terán necesariamente carácter presencial, entendendo como tal cando as persoas participantes se atopen simultaneamente no mesmo lugar, ou ben cando empreguen unha ferramenta de presenza virtual que asegure a súa interacción simultánea desde distintos lugares, como pode ser unha videoconferencia grupal.

Deberá ter lugar, cando menos, unha reunión mensual presencial das empresas, na que deberán participar persoas dun mínimo de 6 empresas distintas, considerando unha reunión válidamente constituida se asisten persoas, que poden ser diferentes en cada sesión, de dous terzos das empresas participantes en cada espazo de encontro. Esta reunión terá que documentarse en vídeo ou por escrito acompañada de fotografías.

Beneficiarias

Os organismos intermedios de carácter empresarial de Galicia, como:

·         Entidades con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, que pertenzan a unha das seguintes categorías: asociacións empresariais, fundacións empresariais ou universidade-empresa, clústers empresariais ou hubs de innovación dixital ao abeiro da Estratexia Galega de HID.

·         Centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación.

Non poderán ter a condición de beneficiarias:

·         As entidades que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

·         As empresas que en 31 de decembro de 2019 estivesen dentro da categoría de empresas en crise e manteñan actualmente esa condición.

·         As empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.

Gastos subvencionables

Poderanse subvencionar os seguintes gastos en que incorran os organismos intermedios para a organización dos obradoiros:

–       Colaboracións externas directamente relacionadas coa execución do proxecto, para a dirección e dinamización dos grupos de empresas. Non consistirán en actividades permanentes ou periódicas nin estarán relacionadas cos gastos de explotación normais como son os servizos rutinarios de asesoría fiscal, os servizos xurídicos periódicos ou os de publicidade.

–       No suposto de que o importe do IVE supoña un custo real soportado polo beneficiario, poderá ser considerado un gasto subvencionable.

–       Gastos de persoal do organismo intermedio:

o   Ata un 10 % do orzamento total do proxecto en concepto de gastos de coordinación e selección de participantes se a dirección e dinamización do obradoiro se contrata a un colaborador externo.

o   Ata o 100 % do orzamento total do proxecto se a dirección e dinamización dos grupos de empresas a realiza o organismo intermedio con persoal propio. Neste caso, terá que dispor dunha experiencia mínima de 3 proxectos de dirección e dinamización de grupos desenvolvidos con persoal propio nos 3 anos inmediatamente anteriores á solicitude de axuda.

Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores.

O beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á prestación do servizo, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que as realicen, presten ou subministren. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia, asinado polo representante legal ou por un experto independente.

En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Contía da axuda

A subvención será do 100 % dos gastos subvencionables ata un máximo de 25.000 € por proxecto e concédese ao abeiro do marco nacional temporal, polo que debe garantirse que, de recibir o organismo intermedio outras axudas ao abeiro deste marco, non se supera o límite de 1.800.000 € en total. Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas.

Os proxectos que cumpran coas condicións necesarias serán avaliados de acordo co seguinte baremo xeral:

·         Dimensión do proxecto. En función do número de empresas participantes: 2 puntos por empresa ata un máximo de 20 puntos.

·         Calidade técnica do proxecto: ata 25 puntos, que se avaliarán en función dos seguintes parámetros:

o   Madurez da proposta en canto á definición da temática e obxectivos do espazo de encontro. Ata 10 puntos.

o   Intensidade da participación das empresas que se vai promover. Ata 5 puntos.

o   Utilización de metodoloxías probadas de dinamización de grupos e xeración de ideas. Ata 5 puntos.

o   Diversidade en canto á posición na cadea de valor sectorial das empresas participantes. Ata 3 puntos.

o   Propostas concretas de colaboración co Igape na difusión dos resultados dos proxectos. Ata 2 puntos.

·         Sector ou ámbito de actividade en que se desenvolva o proxecto: 15 puntos, que se outorgarán a proxectos onde a maioría das empresas que participen pertenzan a sectores prioritarios definidos na Axenda de Competitividade:

o   Estratéxicos: agroalimentación, produtos do mar e acuicultura, automoción, enerxías renovables, madeira/forestal, naval/industria marítima, pedra natural, téxtil-moda.

o   Emerxentes e de alto potencial: aeronáutico/aeroespacial, industria da saúde e do benestar, industrias creativas, biotecnoloxía, novos materiais, ecoindustria, TIC.

·         Experiencia do organismo intermedio na xestión de proxectos colaborativos nos 3 anos inmediatamente anteriores á solicitude de axuda: 3 puntos por cada proxecto de dinamización de grupos finalizado con resultados cuantificables e 1 punto por cada proxecto finalizado noutra temática ata un máximo de 20 puntos.

·         Efecto tractor no sector. Interese e atractivo para a súa implementación por outras empresas: ata 20 puntos.

Os proxectos deberán acadar 60 puntos na baremación para ser aprobados.

AXUDAS ÁS PEMES

Obxecto

Estas axudas van destinadas á posta en marcha de proxectos de dixitalización cuxa finalidade sexa a implantación de solucións para o soporte dixital de procesos dunha empresa ou para proxectos de interconexión dixital de procesos entre unha empresa galega e outras empresas ou entre dúas ou máis empresas galegas como poden ser ordes de fabricación distribuída, sistemas de facturación ou procesos entre un líder industrial cara ás pemes que conforman a súa cadea de valor.

Os proxectos deberán ser viables para a empresa e poderán ser de dúas modalidades:

·         Proxectos colectivos en que un grupo de empresas aborda unha das seguintes tipoloxías de proxecto:

– Propoñen utilizar e implantar un determinado sistema nas súas interaccións dixitais.

– Propoñen a implantación dun sistema de dixitalización, dalgún proceso ou de xestión integral, especificamente deseñado ou desenvolvido para o seu ámbito de actividade.

·         Proxectos individuais en que unha peme aborda unha das seguintes tipoloxías de proxecto:

– Desenvolvemento dunha interface dixital para as súas interaccións de negocio, ou adopción/implantación dunha solución de interacción xa existente cos seus clientes ou provedores.

– Sistemas de intelixencia artificial, aprendizaxe automática e toma de decisións autónomas, interconexión de elementos físicos e virtuais, tratamento de datos captados (intelixencia de negocio, big data e similares) e ciberseguridade.

– Implementación de sistemas encamiñados á dixitalización de procesos concretos ou de xestión integral (ERP, CRM e similares).

Os proxectos deberán estar finalizados para poder optar ao cobramento da subvención, entendendo como tal, cando exista a capacidade de interconexión multiempresa de procesos no caso dos proxectos colectivos ou cando as interfaces poidan conectar a solicitante con outra ou outras empresas, ou ben os sistemas de dixitalización estean implantados e operativos, no caso de proxectos individuais. Non se aprobarán proxectos que non propoñan chegar a resultados, como estudos de viabilidade ou deseño de solucións illadamente do seu desenvolvemento e implantación na empresa solicitante.

O gasto subvencionable mínimo dos proxectos deberá ser de 12.000 €.

Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (pemes), calquera que fora a súa forma xurídica, e que teñan un centro de traballo en Galicia no cal se vaia realizar o proxecto.

Poderán solicitar para proxectos individuais ou para proxectos colectivos, sempre que previamente constitúan unha agrupación, polo menos de dúas pemes con centro de traballo en Galicia. Deberase facer constar expresamente nun documento os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, nomearase un representante único da agrupación, único interlocutor coa Administración ata a resolución de concesión. Unha vez concedidas as axudas individuais a cada peme, cada unha delas será independente para a tramitación da xustificación e liquidación da súa axuda. No caso de que o proxecto das pemes estea coordinado por un organismo intermedio, este non formará parte da agrupación.

Non poderán ter a condición de beneficiarios:

·         As empresas que sexan prestadoras dos mesmos ou similares servizos ou subministradoras dos mesmos ou similares equipamentos para os cales solicitan a axuda.

·         As empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007.

·         As empresas que en 31 de decembro de 2019 estivesen dentro da categoría de empresas en crise e manteñan actualmente esa condición.

·         As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Gastos subvencionables

Poderanse subvencionar os seguintes tipos de gasto que cumpran os requisitos establecidos:

·         Investimentos materiais e/ou inmateriais novos adquiridos en propiedade. Exclúese a adquisición e acondicionamento de inmobles, gastos de mobiliario, medios de transporte e equipamento de oficina, agás elementos informáticos.

·         Colaboracións externas de carácter tecnolóxico ou organizativo: asistencia técnica, adaptación e parametrización de solucións, consultoría e servizos directamente relacionados coa execución do proxecto. As colaboracións externas subvencionables non consistirán en actividades permanentes ou periódicas nin estarán relacionadas cos gastos de explotación normais da empresa como son os servizos rutinarios de asesoría fiscal, os servizos xurídicos periódicos ou os de publicidade.

·         Gastos de subscrición a software como servizo estándar de mercado. Admitirase como gasto subvencionable o período de subscrición durante a vixencia da axuda, sempre que sexa aboado polo solicitante no período de gasto subvencionable. No caso de que o sistema de adquisición supere o prazo de execución da axuda, o período restante descontarase do gasto subvencionable pro rata. Para comprobar que se trata dun produto estándar de mercado, será necesario acreditar, como mínimo, a existencia dunha páxina web pública dispoñible na internet onde se expliquen as características do software e as condicións en que se comercializa.

·         Para proxectos colectivos, se se opta por contar cun organismo intermedio, este poderá facturar ás pemes participantes en concepto de gastos de coordinación do proxecto. Ese importe considerarase gasto subvencionable de colaboracións externas e dividirase entre todas as pemes participantes.

·         Nos proxectos colectivos ou individuais de desenvolvemento dunha interface dixital ou de sistemas dixitais, con importe subvencionable superior a 50.000 € e que sexan coordinados por un hub de innovación dixital dos seleccionados ao abeiro da Estratexia galega de HID, 5.000 € en concepto desta coordinación.

·         No suposto de que o importe do IVE supoña un custo real soportado polo beneficiario poderá ser considerado un gasto subvencionable.

Os investimentos e gastos subvencionables non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude de axuda no Igape, polo que determinados traballos preparatorios, como a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.

Os bens obxecto do investimento deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena da empresa antes do final do prazo de execución do proxecto, e neste momento debe constar o vencemento e pagamento de todas as cantidades aprazadas e efectuados todos os pagamentos por calquera concepto.

Os bens e servizos subvencionados deberán ser adquiridos a terceiros. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendendo esta vinculación nos termos especificados no artigo 43.2 do Decreto 11/2009.

O beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á súa contratación, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que os subministren.

O investimento terá que incluírse no activo da empresa e manterse no centro de traballo en Galicia durante os 3 anos seguintes ao remate do prazo de execución do proxecto. O investimento subvencionado poderá ser substituído no caso de obsolescencia, sempre que a actividade económica da beneficiaria se manteña en Galicia durante este período.

No caso de investimento en activos intanxibles, para seren considerados subvencionables, deberán cumprir ademais todas estas condicións:

1) Empregaranse exclusivamente na empresa beneficiaria da axuda.

2) Consideraranse activos amortizables.

3) Adquiriranse a terceiros en condicións de mercado sen que o adquirente estea en posición de exercer control sobre o vendedor, ou viceversa.

En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos ou os gastos subvencionables poderán ser superiores ao valor de mercado.

Contía da axuda

A subvención será do 50 % dos gastos subvencionables. No caso de empresas dos sectores industriais da automoción, téxtil-moda e industria auxiliar do naval, os proxectos poderán acadar unha axuda do 70 % dos gastos subvencionables, tanto en proxectos individuais como formando parte dun proxecto colectivo. Para poderen superar a axuda do 50 % dos gastos subvencionables e acadar o 70 %, as pemes correspondentes a estes sectores deberán acreditar unha caída de ingresos mínima do 25 % no ano 2020 respecto aos ingresos do 2019. Concederase unha subvención máxima de 1.800.000 € por empresa, ou 270.000 € cando a empresa estea activa nos sectores da pesca e da acuicultura, ou 225.000 € cando a empresa estea activa na produción primaria de produtos agrícolas.

Para os gastos gastos de coordinación por un DIH estratéxico, a axuda será do 100 % en todos os casos.

A axuda concédese ao abeiro do marco nacional temporal. Por tanto, debe garantirse que, de recibir a empresa outras axudas ao abeiro deste marco, non se supera o límite correspondente (1.800.000 €, 270.000 € ou 225.000 € segundo a actividade).

Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere as porcentaxes máximas establecidas.

A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a documentación xustificativa do proxecto realizado. Antes de conceder e pagar a axuda, solicitarase da empresa unha declaración sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto.

6. Os proxectos que cumpran coas condicións necesarias serán avaliados de acordo co seguinte baremo xeral:

·         Calidade técnica do proxecto: ata 54 puntos, que se avaliarán con ata 9 puntos por cada un dos seguintes parámetros:

o   Grao de análise previa da situación e coherencia da solución proposta coa dita análise.

o   Viabilidade do proxecto: grao de viabilidade técnica e económica, axuste da solución proposta á empresa solicitante e correlación entre o proxecto e os investimentos e gastos propostos.

o   Implantación de sistemas xa desenvolvidos e probados na realidade empresarial.

o   Melloras competitivas esperadas. Estimación cualitativa e cuantitativa, que se avaliará en función da coherencia entre o proxecto e os resultados previstos.

o   Nivel tecnolóxico e amplitude da solución proposta. Valoraranse con maior puntuación os proxectos baseados en tecnoloxía máis avanzada que afecten a maior cantidade de ámbitos da empresa, a ámbitos máis relevantes, ou desenvolvan con intensidade salientable un ámbito concreto.

o   Grao de elaboración e concreción da proposta, en canto á súa claridade expositiva e a concreción de obxectivos.

·         Grao de interoperabilidade do proxecto: ata 36 puntos, que se avaliarán do seguinte xeito:

o   Número de empresas beneficiarias do proxecto: 4 puntos por empresa ata un máximo de 16 puntos (para proxectos individuais: 4 puntos).

o   Intensidade no nivel de interacción dos procesos entre empresas: ata 10 puntos, que se asignarán en función da cantidade e importancia de procesos interempresariais a que se aplique a dixitalización proposta, así como ao nivel de dixitalización conseguido co proxecto.

o   Diversidade, en canto á posición na cadea de valor sectorial, dos participantes da interacción entre empresas proposta: ata 10 puntos que se avaliarán asignando un máximo de 3 puntos por cada posición diferente na cadea de valor de cada empresa que se interconecta –sexa ou non beneficiaria da axuda–, en función da importancia da súa participación no proxecto. Na avaliación deste criterio as empresas vinculadas entre si contarán como unha única.

·         Sector ou ámbito de actividade en que se desenvolva o proxecto: 5 puntos, que se outorgarán a proxectos onde a maioría das empresas que participen pertenzan a sectores prioritarios definidos na Axenda de Competitividade:

o   Estratéxicos: agroalimentación, automoción, enerxías renovables, madeira/forestal, naval/industria marítima, pedra natural, téxtil-moda.

o   Emerxentes e de alto potencial: aeronáutico/aeroespacial, industria da saúde e do benestar, industrias creativas, biotecnoloxía, novos materiais, ecoindustria, TIC.

·         Proxectos colectivos ou individuais de desenvolvemento de unha interface dixital ou sistemas de intelixencia dixital, con importe subvencionable superior a 50.000 € e que sexan coordinados por un hub de innovación dixital dos seleccionados ao abeiro da Estratexia galega de HID: 5 puntos.

 —

Normativa

Instituto Galego de Promoción Económica

– RESOLUCIÓN do 18 de maio de 2021 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras dos obradoiros e das axudas á dixitalización Industria 4.0 para o ano 2021 susceptibles de ser financiadas no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG300C).

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210601/AnuncioO92-180521-0001_gl.html

– EXTRACTO da Resolución do 18 de maio de 2021 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas á dixitalización Industria 4.0 para o ano 2021 susceptibles de ser financiadas no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG300C). 27058

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210601/AnuncioO92-180521-0003_gl.html

– EXTRACTO da Resolución do 18 de maio de 2021 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras dos obradoiros á dixitalización Industria 4.0 para o ano 2021 e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG300C).

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210601/AnuncioO92-180521-0004_gl.html

Comments are closed.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Más información
Privacidad