Capítulo 06Animais Míticos e Seres Fantásticos
A serpe e o mozo: Os dous amigos. Un rapaz da parroquia ía todos os días coas ovellas ao Pouso das Cruces, un pouco mais arriba do Monte da Pena. Alí cantaba e asubiaba. Unha vez achegóuselle unha serpe e deulle de comer do que levaba. E así sempre cada vez que asubiaba. Logo, o mozo tivo que marchar para a milicia e estivo nela durante catro anos. Cando voltou, acompañado dun amigo, foron de volta cara o si tio, alá no monte e foille contando a historia polo camiño. Chegados alí, asubiou e foi grande a sorpresa cando mirou que voltaba a serpe pero agora máis grande e grosa. O amigo que o acompañaba apartouse un pouco asustado ao ver que a serpe, moi emocionada polo asubío recoñecido, se enroscaba no corpo do seu amigo nunha garimosa aperta. Mais a serpe, agora con maior tamaño, apertou demasiado, de tal xeito que lle ocasionou a morte por asfixia ao mozo. O acompañante, abraiado, fuxiu correndo do lugar ficando na sua cabeza a imaxe dos dous corpos abrazados e o do seu amigo estrullado por tan forte querenza. Logo díxose que a serpe desesperada polo acontecido se tiña botado ao mar onde afogou.
A Serpe. Conta a xente do lugar da Golvada (Augalevada) que no monte, no me dunhas ruinas existía unha cova na que habitaba unha serpe e que toda persoa que pasaba por alí xa non voltaba máis. Un día unha muller pasou por alí para ir a casa da súa irmá e de súpeto, apareceulle a serpe. Como levaba uns nubeiros de fio, ocorréuselle ir llos guindando pouco a pouco á becha. A serpe foi tragando todos eles un a un sen deixar de perseguila ata que xa só lle quedaba un. Xa desesperada, botoulle o último novelo e ao tragar este, a becha reptil acabou por morrer atragantada. A desgraza dun neno. Cóntase que hai bastante tempo nun lugar de Coiro vivía unha família á que pertencían tres irmáns. Un dia decidiron ir xogar ao monte e alonxáronse bastante da súa casa... Nun momento, como estaban xa certamente cansos, foron beber un pouco de auga nunha mina que atoparon alí cerca. O maior dos irmáns tomou un pouco de auga e sen darse de conta tragou un bichiño pequeno. Pasaron unhas semanas e o neno maior atopábase mal e notaba que a súa barriga se hinchaba pouco a pouco. A súa nai levouno ao médico varias veces pero este dicíalle que o neno non tiña nada, pero a barriga seguia aumentando... En vista disto, a nai decidiu levalo a unha meiga que lle dixo que o rapaz tiña unha serpe dentro do seu corpo e que paseniñamente lle iría comendo todo o seu organismo se non daban sacado a becha fóra. Para conseguiren isto, a meiga mandoulle que na seguinte noite de lua chea puxese dous litros de leite nunha almofia ou palangana e que deitase o rapaz cara abaixo coa boca aberta. E así foi, cando chegou o día puxeron o rapaz como lle mandara a meiga e aos poucos minutos a serpe saiulle da boca indo directamente ao leite que estaba no recipiente. Contodo, díxose que o mociño non puido resistilo e aos poucos minutos morreu.
Os cabalos da Pedra da Pena. Cóntase que antigamente na media noite do San Xoan, a xente subía en comitiva ata a Pedra da Pena ou Penedo dos Namorados levando un pano de lamanisco ou de liño branco. O chegaren arriba facían o círculo de Salomón, estendían o pano mesmo ao pé do penedo e sacudían con coidado os fentos machos para que caera a semente. Dise que en tempos lonxanos, os devanceiros dos habitantes do lugar usaban a semente do fento, bebida en infusión, para combateren os feitizos, chegando incluso a se faceren invisibles. Tamén se di que cando se sacudían os fentos sobre o pano, abríase a Pedra da Pena e saía unha grea de cabalos moi ruidosos liderados por un de cor branca que botaba lume polo nariz. Logo pechábase a pedra, deixando polo lugar o forte cheiro dos animais. Os cabalos. Hai moito tempo, antes de que saise o sol, dirixíanse un grupo de mulleres á novena que se celebraba na igrexa de Darbo. Aquela xente debía saír cedo da casa pois o camiño era longo, xa que tiñan que ir desde Balea. Apenas levaban un pouco de camiño andado cando sentiron un ruido moi intenso que creron que se trataba de cabalos a gallope. Apuraron o paso cara a estrada a ver de que se trataba, pero cando chegaron, todo tiña apariencia normal e non vían cabalos por ningures. Seguiron andando, un chisco desconfiadas, ata que toparon un pouco máis abaixo cun home que camiñaba cunha lámpada na man.
Sen poder conter a curiosidade, preguntáronlle se non mirara pasar pola estrada uns cabalos a gallope tendido. O home respondeu extrafiado, negándoo, e as mulleres seguiron andando sen volver a pensar no acontecido. Ao dia seguinte volveron a saír xusto á mesma hora que o dia anterior, mais ao chegaren a unha das casas vecifias, alguén asomou a unha fiestra para pedirlles que avisaran ao cura para que preparase os funerais dunha señora que acababa de morrer. As mulleres non puderon evitar lembrárense de que, o dia anterior a esa hora sentiran, sen ver, o gallope dos cabalos. A Lapa do lobo. Contan que en tempos antigos, perto do monte Varalonga había unha pedra encabalgada noutras, facendo como unha cova na que se dicía que en tempos vivían os mouros. Mais co paso dos anos, posesionouse deste lugar unha manda de lobos, dirixida por un deles que era enorme e que papaba a quen ousase entrar alí. Agora esa lapa xa non existe porque unha empresa de cantería dinamitouna para aproveitar a sua pedra. O Orco. Un home, daquelas xoven e hoxe xa avó, vivía nunha pequena casoupa da Pedreira. Unha vez, cando estaba asomado na ventá, tomando un pouco o aire, viu pasar uns cans moi caladiños, sen ladrar. Entón, este chamou á sua muller para que ollase o que él estaba mirando. En efecto, cando a muller foi mirar os cans, quedou tan abraiada polo que vía como o seu home. Dixeron que os cans eran arrastrados por unha alma doutro mundo que aquel día ía en forma de carneiro. Contodo, aos cans non lles ocorría nada e ao día seguinte cadanseu aparecía na sua casa como sempre. Cóntase que esta figura era o Orco pero que non lle facía nada á xente directamente senón que aventaba a morte. Pero tampouco se sabía a onde levaba aos cans e que facía ou que querería deles... Os rapaces da cova. Contan na Magdalena que hai xa moito tempo, uns rapaces escaparon da casa e foron vivir a unha cova, reparárona e enfeitarona moi ben con flores arredor. Unha noite, cando estaban a durmir, díxolle un ao outro:
-Mira que ollos verdes hai na entrada da cova. -Non fagas caso, -dixo o outro-segue durmindo. O rapaz volveuse a durmir e pola mañá cedo atopou morto ao seu amigo, cheo de coiteladas e cunhas uñas clavadas no peito. Unha presenza maligna intuirase naquel feito, atribuíndollo daquela, á presenza do Orco ou quizáis da Raposa. O Gato da Capela do Hospital. Houbo unha época na que a xente andaba moi temerosa ao pasar perto da Capela do Hospital pois dise que ás doce da noite tanxía a campá soa. Antes desa hora todos os veciños metíanse nas casas pois coidaban que a capela estaba posuida por un meigallo. Un día, un mozo de Coiro que andivera de tabernas e ía un pouco bébedo, esqueceu o lugar e o medo, pasando por alí nesa hora cando tanxía a campá, observando que era un gato quen as facía soar. Iso si, dixo que o gato era moi negro, forma que adoitan tomar as bruxas... O Can enmeigado. Alá, xa vai para moitos anos, subía un home pola rúa de Síngulis e saíulle ao paso un can ladrando, mais como o animal teimase en perseguilo, arreóulle unha patada. Entón, o can desistiu e marchou caiñando cara o Eirado do Costal. Máis tarde, atopou de volta ao can e tiroulle unha pedra que co impacto lle fixo dar unha volta no chan. Seguíu, entón, andando o paisano e cando ía entrar, atópase de novo co can na porta da sua casa. Xa moi encabuxado, colleu unha estaca, disposto a arrearlle. Ao percibirse do perigo, o can fuxiu correndo pero o home, sen saberse moi ben por que, morreu aquela mesma noite. Os Cans. Contaba un home xa entrado en idade que en certa ocasión marchou a traballar a unha leira que estaba lonxe da casa. Cando voltaba sobre as oito do serán, atopou unha cesta e no seu interior había tres pequenos cadeliños ainda cachorros. Colleunos e tróuxoos para a casa. Á mañá seguinte, foi á adega onde os deixara e comprobou que na cesta non había nada pero o máis raro era que el puxera a cesta boca abaixo cunha pedra moi grande enriba que non fuxisen. Ao sair da adega na sua procura, chamoulle a atención unha bandada de corvos (síntoma de morte) que pasaban por alí. Despois disto, tardou dous meses en sanar, días despois caeu enfermo dunha doenza que traía almas arredor, e asegurando que durante o tempo que estivo doente, sentía que o chamaban polo nome e que, ás veces, estas tamén lle turraban polo brazo coma se quixesen levalo. A Raposa do Morrazo. En tempos idos, a sona da raposa do Morrazo chegaría a ultrapasar os límites da comarca. Entre os diferentes relatos de encontros con ela, sobrancea o de Bernardino Rajoy do lugar de Loureiro, quen falou de que un seu compañeiro tiña topado con ela nun ermo perto da Gudiña (Ourense) e máis a información doutro canteiro que dixo que en Mondariz tíñaa mirado un home chamado Primitivo, cando subía por un sendeiro. A Raposa do Morrazo, chamada tamén de Morillas en Padrón, é unha raposa que decote aparece nos camiños ermos e tamén perto das poboacións, emitindo «doloridos ouleos» ao atopar unha persoa. Ao tempo que oulea, sáelle lume pola boca porque a raposa do Morrazo é unha alma en pena que vén ao mundo a penar unhas determinadas culpas. Para remediar os seus males hai acordo entre as xentes de dicir ao mirala: "Deus te leve a porto salvo". Todos teñen a esta ánima, agora lendario animal, como a dun náufrago que unhas veces se detén nun lugar e outras dá a sensación de que voa. En certa ocasión un tal Ramón Somoza Piñeiro, experto cazador de setenta e seis anos, atopábase nunha noite de xaneiro de 1818 nunha lareira dunha casona do Morrazo, en compaña dos domésticos da casa e duns carpinteiros, picapedreiros e braceiros, agradecendo todos o lume de grandes proporcións que ben lles tiraba a friaxe que tiñan chupado todo o día. Cando xa andaban a sentir a benéfica influencia da forte calor que obrigaba á ensanchar o circo que formaban, un valentón botapraf óra fixo alarde das suas forzas botando á fogueira un mangado de leña de carballo. O lume case se apaga completamente, a chama perdeu o seu grande resplandor e todos comezaron a sentir frío nas costas. Por esta acción de inconsciencia, o fachendoso mozo comezou a recibir fortes críticas e reconvencións que arredaban ante os seus escasos argumentos defensivos... De súpeto ouviuse un ladrido, os presentes fican sorprendidos e do medo xorde unha exclamación: A raposa do Morrazo! Algúns valentes saen da vivenda e ao pouco tornan dicindo que a raposa irá cara a vila, onde tiña repetido o seu segundo queixume, ouvíndose de contado o terceiro, xa como a medio quilómetro de distancia. Entanto, as chamas do lume venceron todo obstáculo e tomaban a manifestarse fachendosas e potentes. A calor fixo retomar un tanto a animación xeral e cada un contou varios feitos e anécdotas á conto da Raposa do Morrazo cuxo nome se repetía con temor, veneración e respeito cada vez que se mentaba. Non imos contar todo canto se falou alí, mais entre todo o dito, comentouse que nas noites escuras, nesta época que referirnos, adóitase escoitar algunhas veces moi de perto, un ladrido semellante ao que daba unha raposa agachada entre o mato... mais coa particularidade de que este animal cando o fai, despide pola boca unha labarada de lume. Como estas cazatas adoitan facelas os máis destemidos, somente por ter o gosto de contar unha fazaña máis, descargan sobre o mato un golpe de bisarma, especie de partesana, e a zorra foxe. Mais... Cal e como de grande será o abraio do que se atopa en semellante situación, ao observar que no mesmo instante repite o seu lastimeiro ai!, trousando o mesmo lume á distancia de máis de medio quilómetro e xa de seguido e sen interrupción repéteo moito máis lonxe no extremo oposto?
É preciso ser moi despreocupado e destemido para non decatarse de que tan extraordinario fenómeno está en contradición coas leis da natureza e por conseguinte, como sobrenatural, é milagroso. Non nos debemos de extrañar, pois, que nesta zona crean que «A Raposa do Morrazo» é unha alma que Deus non quixo mandar ao inferno por tal cal devoción ou obra boa que tivese feito e que isto lle permitise voltar ao mundo a cumprir a penitencia. Como durante a cea e a velada na casona seguise tan sobrenatural conversa, as criadas suplicaron a compaña dalguén ata a entrada dos seus cuartos de durmir, cheas de medo e pregándolle para si a Deus que tivese misericordia delas. Contodo, o espilido cazador, ainda que algo impresionado, propúxose durmir coma un cativo, mais ao pouco tempo deu coa explicación de tal sorprendente fenómeno: As raposas, nestas datas, andan encelo, e cedendo ao seu natural desexo, con ese forte laído danlle noticia ao macho dos sitios onde se atopan. Eles contestan axiña e as demáis femias da comarca tampouco calan. Deste xeito, non tendo a persoa no seu maxín máis que a idea dunha soa raposa, e crendo que se despraza a longas distancias en segundos, non é de extrañar que xurdise semellante lenda. A verdade é que a raposa móvese pouco neste tempo e anda como aparvada; porén, fuxe ao sentir o golpe da bisarma, movida polo instinto de conservación, mais non de todos pode sair ilesa. É así, como os cazadores que xa mataran algunhas, visen case palpablemente que continuaban os ouveos lonxanos, déronse de conta de que había moitos raposos e raposas na comarca que daban eses ladridos lastimeiros e que botaban lume (mellor dito, o un forte bafo polo contraste de temperaturas) pola boca polo estado de excitación no que se atopaban. Como aconteceu con outras crenzas nosas, a ciencia e principalmente a luz eléctrica, foron diminuindo a preocupación e o número dos que viñan acreditando en semellante fenómeno.