Capítulo 04Cidades Asolagadas e Lendas Baixo o Mar
Lenda da Curuxana. Cóntase que hai moitísimos anos, á beira do río, onde se atopan ainda os restos das casas da Curuxana e dun petróglifo, vivían os mouros que se trasladaran aquí desde o poboado castrexo do monte do Facho. A nova poboación chamábase Troia e nela habitaba unha dona moi fermosa e principal. Un día, nunha festa, comezou a bailar unha danza, vestida con sete veos que foi tirando un a un ata quedar espida. Como castigo a esta ousadía e paganismo, veu de súpeto unha grande onda que asulagou toda a poboación, obrigando aos sobrevivintes a instalárense no máis alto do monte que era o Facho. Segundo contan os homes do mar, por veces ainda se perden as redes ao se engancharen no que era o campanario da coñecida tamén como A Vila. (Á vila segundo outros relatos).