Capítulo 08A Santa Compaña e as Ánimas en Pena
A Canle das ánimas. No antergo trazado do camiño do Hío a Pinténs, pasando pola Lobeira e a Chamiceira, empeza o tramo do que arranca a chamada "Canle das Ánimas", baixando a ladeira do Outeiro da Vela e rematando na costa das Minas a uns trescentos metros do mar enriba da Senllosa que din que se chama así porque é moi soleada. Mais o nome de Canle das Ánimas, veulle aposto porque dicían que nela se escoitaban pasos de noite sen presenza humana e que a veces se miraba deambular a Compaña. Desde Vilariño, foron moitos os que miraron subir, de noite e ata antes da luzada, a procesión das ánimas polo camiño empedrado, suscitando esta visión entre as testemuñas, unha xa habitual xaculatoria: Aí vai a graza de Deus do Hío a Donón! Tamén os mariñeiros, con mellor perspectiva, miraban desde o mar esta procesión de luces que ía polos montes do Hío e que desapareceu despois de que na igrexa parroquial se celebrase un acto xeral de ánimas, é dicir, unha misa por todos os defuntos xuntos, pois antes facíase unha misa nominal solicitada para cada defunto, quedando moitos deles sen a sua misa. Ademáis, para rematar con esta presenza, os veciños fixeron tamén unha misa na encrucillada dos Catro Camiños que está entre As Canles e a Senllosa.
A Compaña e o Orco. Cóntase que a primeiros do século pasado, unha noite de verán polas doce da noite, a señora Francisca, veciña de Freíxo, viña de Bueu dunha festa e ao pasar por onde está hoxe aAxudantía de Mariña de Cangas, indo cara O cruceiro do Señal, aparecéuselle a Santa Compaña. Mirou naquela comitiva moitas capas brancas en procesión, acompañadas dun can de grandes dimensións que lle chamaban o Orco e levaban grandes fachos e facían un ruido, como se levasen cadeas arrastro. Nun intre desapareceron e pouco máis tarde chegando ao Forte voltou a mirar. A Compaña en Coiro. Tamén alá polos anos cincuenta, un veciño da Míranda camiñaba tan tranquilo cara a súa casa cando regresaba de Moaña. Ao estar perto do Igrexario, un aire guindoulle a pucha e deseguida notou o frío da noite na cabeza. Deu a volta na procura da gorra e buscou arriba, abaixo, aos lados, e nada. Xa un pouco desanimado, insistiu na busca e cando estaba mirando para o chan notoru de súpeto outra vez a pucha na cabeza. Abraiado e temeroso seguiu camiño para a casa e ao chegar comentoulle a todos o acontecido, concluindo que o acontecido foi debido aos efectos do paso próximo da Compaña. A Compaña na Cruz de Castro. A ubicación deste cruceiro denominado Cruz de Castro, a parte do que tén de ofrenda dun particular en tempos máis recentes, non cabe dúbida que serviu de motivo protector da encrucillada na que adoitaba confluir tamén a Santa Compaña, segundo nos contaron. Esta procesión de ánimas en tránsito non difería moito da que adoitaba percorrer outros lugares da contoma pero segundo un relato recollido por Eugenio Eiroa, semella que esta reunía unhas características especiais que a diferenciaban das outras. A narración, recollida dunha veciña de idade e con diversas interpolacións lendarias conta que nas noites desapacibles aparecía unha fúnebre e longa procesión duns douscentos cincuenta a trescentos esqueletes con fachóns acesos, formando duas ringleiras e supúñase que todos eles e elas tiñan morto habería uns oitocentos anos, máis ou menos, cando o castelo ainda existía. Os esqueletes mostraban un aire medieval pois os de home vestían rexas e enferruxadas armaduras con longas espadas ao cinto e os de muller lucían ricos vestidos de cor vermella e verde, claros e escuros e tamén negros, algúns con toucas brancas bordadas. Mais, tamén había algunhas de menor rango social que lucían un mantón e se cubrían con panos, indicando a sua condición de criadas ou labregas. Cando chegaban á Cruz de Castro comezaban a dar voltas en espiral ao redor do cruceiro ata que se sumaban os últimos da comitiva. Diseque quen adoitaba presidir esta procesión era un antigo cura de Darbo pero que as máis das veces era o esquelete do arcebispo Diego Xelmírez, dono e señor do castelo de Aravo, quen executaba o solemne ritual da misa de defuntos ou de Requiem. Adoitaban actuar sempre como concelebrantes nesta misa, os abades mortos das freguesías da con toma, incluso os de Bueu, Moaña, Tirán... Consta que nesta misa non había comuñóns pois os esqueletes no podían comulgar ao careceren de lingua e padal. Ao remate do acto apagábanse os fachóns e os defuntos desaparecían para retomaren á suas sepulturas.
A ánima do hórreo. Habia na parroquia de Darbo un lugar no que se erguía un hórreo. Polo lugar corría unha lenda que falaba de que un írmán matara a outro e que o enterrara alí debaixo daquela edificación. Unha vez, o dono do terreo quixo botalo abaixo para facer unha casa e cando se puxeron a derrubalo ouviron unha voz que saía do hórreo e que dicía: -Non me movas de aquí! Por todo isto, a xente matinou e deduciu que era a alma dun morto que ainda estaba purgando os seus pecados e que por iso suplicaba que non cavaran alí e portanto desistiron de facer a obra. Acada un o que e de seu. Cóntase dun veciño que despois da Guerra de Cuba, na que caera ferido, máis tarde desaparecido e dado por morto durante catro anos, voltou á súa casa de Augalevada coa enfermidade do paludismo. Naqueles tempos non había tratamento para esta doenza e unha meiga de Coiro recomendoulle que fose ao cemiterio ás doce da noite, que procurase un óso humano para rallalo e logo botar as ralladuras en auga fervida, engulindo aquel bebedizo ou pócema. Cóntase que despois dos dez ou doce días de tratamento, o home sentía que chamaban varias veces á porta da súa casa e que cando abría, alí non había ninguén. Consultada de novo a meiga sobre este tema, aconselloulle que ofrecese unhas misas pola alma da persoa a quen pertenecía o óso utilizado no tratamento. Así o fixo e desde entón non lle volveron petar máis á porta pero nunca se soubo quen era o defunto...
O espírito do ancestro. Cóntase que en certa ocasión, a unha moza de Darbo ocorreulle que de súpeto non podía entrar na casa, que había algo que a detiña e que ao tentar vencer aquela forza, sangráballe o nariz. A nai da moza foi consultar cunha meiga que había en Darbo e esta díxolle que aquilo non era máis que o espíritu do seu avó que quería contactar con ela... Benditas ánimas e ánimas benditas. Aproveitando as datas de comezos do inverno, recuperamos diversas anotacións que tiñamos feito sobre este tema pois andamos no tempo de lembranza das ánimas e dos mortos, asunto este último do que en Galicia hai abondosa literatura e traballos etnográficos que amosan unha forma especial de celebracións como a presenza de amortallados (Rio, Darbo...) ou a asistencia aos enterros das pranxideiras ou choronas das que Cangas ten sona. Os agoiros eran algo moi tido en conta polos nosos conterráneos que vían no cheiro a cera, no voo dun corvo, nos ampos da curuxa, nas galiñas que cantan como galos, nas fachas ou luces na noite... sinais premonitorios da morte. Extranos rituais como o do Abellón, descrito por Brañas, zunindo e xirando arredor do corpo do finado ainda presente e o costume de convidar a comida aos asistentes aos velorios, a veces tan abondosamente espléndidos que deixaban exhaustas as arcas dos familiares, incluso ata a mina: O defunto vai na igrexa, a muller está apenada, imos bebendo e comendo, con chorar non se fai nada. Pé do lume da lareira ou dunha fogueira corría a caña e o pan, o xamón e o chourizo, facíanse xogos, contábanse contos e chistes de rir e tamén de medo e se había mozos e mozas aquilo remataba en foliada. En fin, un mundo de vedoiros que se comunican co Alén, de cabelos do difunto como reliquia e incluso de mortos queridos e familiares, fotografados para dar testemuña do óbito aos que estaban na diáspora. As duras epidemias do século XIX promoverían unha mudanza nos enterramentos e aparecerían os cemiterios de altos muros ou lonxe das poboacións, clausurándose os camposantos arredor das igrexas e prohibindo as tumbas no interior dos templos. Isto, que se facía por profilaxe e hixiene, tamén veu supoñer unha dificultade pois diminuiron os tránsitos nocturnos das almas en pena. Ainda que resulta complicado separar ambos conceptos, defuntos e ánimas, tentaremos axustamos máis profusamente ao relacionado con este último término. En Galicia, as ánimas gozan de especial devoción con confrarias nas parroquias e a elas non se lle adica só un día senón todo o mes de novembro, específico mes de Ánimas. Mais este periodo, incluso se prolonga nos rituais ata o comezo do ciclo de Nadal, data na que este ano, non sabemos se en memoria das ánimas dos desafiuciados, pola ledicia do Nacemento do Neno ou do renacemento to anímico da economía, elixiremos novos parlamentarios e goberno. Foi Lisón Tolosana quen nos seus traballos antropolóxicos sobre o noso país chegou a comprender a estrutura subxacente no miolo das parroquias galegas: Existe a parroquia dos vivos, das familias e individuos que poboan os lindeiros desta tan antiga xurisdición territorial e está tamén a parroquia dos ausentes na emigración, indianos ou triunfadores que lle regalan ao seu propio fogar, cidade ou país a súa solidariedade e filantropía a xeito de investimentos ou grandes obras. Ademáis contamos coa parroquia dos antergos, mítica e pagana, simbolizada polos seres máxicos, mouros, mouras, ananos, trasnos... que perviven no seo da terra, morando en castros, mámoas, petróglifos, penedas, fontes... vixilando tesouros que foron agochados en tempo inmemorial. E finalmente temos a parroquias dos mortos do cemiterio que agardan sen desacougo ningún a chegada do Xuizo Final alá no ceo e a parroquia dos destinados a purgar os seus pecados e faltas representada pola ánimas ou "almiñas" que por veces se materializan colectivamente na Compaña, percorrendo as vellas corredoiras na procura de oracións ou preanunciando a morte de quen a mira. Hai outros casos de manifestacións anímicas como a protección sobre os animais nos camiños, como o do santuario de Teixido, pois crese que son ánimas en pós de alcanzar a salvación no santuario: Ao SanAndrés de Teixido vai de morto quen non foi de vivo. Sobre esta especial circunstancia da que atopamos semellanza coas formigas que acoden á romaría da Nosa Señora das Portas Abertas en Vilardevós, hai quen ve un caso de metempsicose ou de transmigración das almas que conecta coas crenzas na reencamación que se dan en antigas relixións célticas e tamén orientais. Porén, na devoción popular ás ánimas hai quen quere ver máis próximo, unha lembranza do culto aos romanos Lares Vial es que na nosa zona entroncarían co do deus Berobreo do Facho. Pouco queda xa dos vellos costumes destes días como as misas de ánimas nas que se pregaba por esta colectividade parroquial e incluso polos axustizados (ánima soa) dos que era evidente a sua culpabilidade. Tamén queda pouca memoria dos toques de ánimas das campás chamando ao rezo no anoitecer, de gardar sitio e prato na mesa en días sinalados como o de Defuntos ou Nadal para os mortos da casa, de levar zonchos (castañas cocidas), viño e outras mantenzas ao cemiterio e depositalos na tumba familiar tal como prohibían as Sinodais no 1541. Tampouco via moi claro a Igrexa o costume do animeiro que percorría as casas pedindo esmola e rezos para as ánimas ao tempo que avisaba dos perigos do lume. Nalgunhas zonas de Galicia esta función adoitaban facela mozos que usaban do medo ao desfavor da ánimas (trato ou truco?) para recabar viandas qas que consumían unha parte en xantar comunitario. E en case todas as casas, adoitábase alumarlle ás "almiñas" domésticas con mechas metidas en aceite, acendendo unha lámpada por cada defunto habido... En fin, luz e calor para orientar e aquecer aos espíritus vagorentos nun mar de tépedas tebras e tamén de alimento por se o precisasen. E como para facer máis forza nesta anímica misión salvadora, celebramos o Magosto, o magus ustum ou lume máxico, onde a luz, o calor e o xantar se conxuran en colectividade: Cada castaña que estoura dise que é un alma salvada. Xa Murguía intuira que estas xuntanzas de xentes e castañas, de viño e xolda... contiñan as lembranzas de vellos xantares funerarios que se celebraban preferentemente na noite de difuntos e Añón, nun poema, fala de defuntar o magosto e rebuldar coas meniñas. A morte pola purificación no lume enfrenta ás castañas co viño, sublime dador de vitalidades dubidosas e animador da xolda e da vida. E o lento consumir do lume, por tempos avivado, concede un tempo suficente para que as ánimas se acheguen desde o mais alá a se alimentar quentar das friaxes da viaxe por outros mundos. Na súa reiteración ao longo do inverno está o secreto da obtención de maiores beneficios para os que penan. En principio, a Igrexa, após a morte, só consideraba o sistema dualista de Ceo ou Inferno mais viuse obrigada a reflexionar sobre o lugar ao que ían os que cometeran pecados leves e que xa se tiña en conta por moitas tradicións populares. Esta crenza atávica e os escritos de San Agustín farían nacer, ala polo século XII ou XIII, o concepto de purgatorio non exento de controversias para chegar a consideralo como dogma.
Sería no concilio de Trento (1545-1563) onde este terceiro estadia após da morte había recibir por decreto a confirmación da sua existencia e que as ánimas nel retidas poden ser axudadas polo sufraxio dos fieis. Unha destas formas de sufraxio ou axuda practicábase en Cangas deixando sen recoller o mantel da cea e sobre todo o pan, pois logo viñan as almas a "glorearse" con el. O mundo das ánimas materialízase no noso país, aparte de nas numerosas confrarías, na instalación de petos de ániinas en lugares adoitas para recibiren as esmolas dos que co seu donativo coadxuvan á salvación dun pecador ou pecadora. O peto coa representación das ánimas tiña antano unha abertura ampla pola que se podían meter ovos, pan, roscóns, carne, galiñas... mudando máis tarde a unha re gaña e caixa para acoller só cartos. Temos "almiñas" de certa fasquía en Cela e en Meiro e as máis coñecidas en Cangas son as da Magdalena e as do artístico cruceiro do Rio nas que segundo a veciñanza figura un crego e que viñeron suplir a aquelas de maior devoción que se atopaban no retábulo no interior da igrexa que contiña a figura da famosa Dema representando ao inferno. Tamén como lugares de devoción ás ánimas, temos os cruceiros dos que en Cangas son ainda moitos os que teñen permanentemente acesa unha lámpada de aceite atendida por veciños devotos: Na Laxe, en San Roque, en Síngulis, no Señal... Os cruceiros, numerosos e fermosos no noso concello, erguéronse por doacións pías, moitas particulares como consta gravado na sua base pero tamén por sacralizar un lugar, un punto significado ou cruzamento de camiños e incluso para servir de marco de término de freguesías. Cando esta división parroquial é arbitraria e os veciños dun lugar son enterrados en cemiterios diferentes, estes cruceiros son os puntos de congregación das almas dos mortos da temible Compaña. Neste sentido, son coñecidos os de Cantoarea, entre Marín e Lourizán e sobre todo o de Morouzos na encrucillada de Castiñeiras onde se axuntaban as almas en pena de tres parroquias, Aldán, Beluso e Bueu, ainda que nos dixeron que chegaron a concorrer ata de sete freguesías e que adoitaban percorrer sete cruceiros. En tempos pasados, a xente ofrecíase a levar aceite para elas, sobre todo en caso de haber alguén enfermo para que pedisen por el. No cruceiro púñase unha lámpada por nove días e logo din que se escoitaba un asuán (marmurio de rezos) moi forte pois eran sete as sete compañas alí reunidas. Isto foi acreditado por moitos mozos que contaron que cando viñan de noite de rondar ás mozas, daban un longo rodeo, evitando o paso polo lugar cando escoitaban estes marmurios. Hai xa anos que non suceden estas cousas e debe ser que desde a construción alí do parque empresarial nin de noite hai tranquilidade. Cabe tamén que as ánimas anden despistadas pois mudaron a cruz de sítio, ainda que, contodo, este cruceiro, erguido polo capitán José Antonio de la Rua Aldao en 1700, segue a ser atendido na sua luminaria permanente. Podemos dicir que para os nosos antergos foi este un lugar moi especial pois ademáis da parroquia das ánimas, aquí tamén comparte territorio a mítica freguesía dos antergos, os mouros, que, como dixemos, ergueron as mámoas e que habitaban o Liboreiro ata que foron expulsos a Udra polo Apóstol Santiago. Obviamente, resulta difícil recabar datos fiables sobre a Compaña, que de santa non tén nada, e sostense ademáis que foi a luz eléctrica quen veu dar cabo dela, ainda que consta na memoria popular ter percibido e "sentido" o ar e o cheiro da cera e do incienso pola ponte que unía o Forte con Cangas. Como xa referimos anteriormente e resumindo, temos constancia do seu deambular polo Hío no lugar de Santiás (Centiás) onde hai restos de antigos enterramentos. Tamén nesta parroquia, foron moitos os mariñeiros que acreditaron ter visto desde o mar as suas luces retirándose no fus, co lusco da madrugada pola Canle das Ánimas en Pinténs. En Coiro tamén debeu andar moito pois está escrito que a vella campá da igrexa servía para protexerse contra a Compaña e non das bruxas como se deu en popularizar despois. Ademáis, demos conta do relato da reunión, pé da Cruz de Castro, de almas en pena de alta alcurnia, con reis, raíñas, bispos, guerreiros do castelo e ata o cura de Darbo, congregados para celebraren solemne misa de ánimas na que non falta a coñecida Dama do Peite da lenda. Mais, a todas luces, nunca mellor dito, isto seméllase máis a unha Hoste que á Compaña, e a Dama, unha moura loira que se peitea, se ve que confundiu a parroquia dos antergos coa das ánimas en pena, segundo esta versión mesturada.
Deixainos tamén referenciada a presenza dunha ánima soa ou Estántega nunha casa da que os seus moradores dicían que só paraba nas suas ruidosas e intermitentes manifestacións cando se rezaba un Noso Pai e un Avemaría. Porén, hai que dicir tamén que certos casos como este, de ruidos extraños en vivendas, téñense solucionado ao final, sen recorrer a rezos ou exconxuros e botando man mellor dalgún especialista en reparacións estruturais. Xa dixemos que por precaución, non se poden dar moitos datos sobre estes asuntos do Alén e menos da fantasmagórica Compaña que noutras partes de Galicia denominan A Cruz. Adoita esta, ser portada por un veciño descalzo, cun caldeiriño no brazo (hisopo) e un can cunha campaíña vai abrindo a procesión das ánimas que se aluman con ósos fosforescentes na man. Tamén soe sair dos camposantos os días con "R" ou das igrexas onde había enterramentos e percorrían os camiños e encrucilladas de cruceiro en cruceiro na procura de alguén que ía morrer e doutra vítima que portase a Cruz. En moitas aldeas intuíase se algún veciño estaba portando a Cruz da Compaña polo seu aspecto macilento, mirrado ou cadavérico e todos refugaban o seu contacto e se conseguía traspasarlle a Cruz a outro, non debía contarllo a ninguén, non tanto por represalias como por vergoña. Os que topándose coa Compaña conseguiron librar, fixérono botándose fóra dos lindes do camiño (vai polo carreiro de cruceiro en cruceiro), abrazándose a un cruceiro próximo (pois non se pode ter máis que unha cruz), rodearse cun circo na terra facendo o símbolo de Salomón e se fallan estes medios, botarse ao chan e "facer o morto". O perigo pasa despois de que quen leva a Cruz di: Folgo vivo e os da Compaña replican: Pasar e andar que aquí se pode deixar. Se respostan que non se pode deixar, xa sabemos o que pasa. Foi a partir do século XVI cando o culto as ánimas se popularizou en todo Galicia e desta época temos xa a primeira testemuña que deixou escrito que tiña visto moitas veces multitude de luces e de defuntos que andaban na noite dentro e arredor da igrexa.
Hai xa máis dun século que Pardo Bazán denominou a Galicia como o país das benditas ánimas e posteriormente foron moitos folcloristas, etnógrafos e antropólogos de sona quen recopilaron e analizaron o senlleiro sentir colectivo popular sobre estamateriaxafiniquitada pola tecnoloxía.