Capítulo 15Lendas Históricas de Cangas e a Invasión Turca
Lendas históricas. Os Churrichaos. Cóntase que hai moitos anos habitaban no pazo de Verín (hai quen asegura que no da Retirosa) unhas xentes chamadas "Os Churrichaos" cos que a xente adoitaba manter distancia e respeto debido a unha característica que os facía moi peculiares e temidos. Destes habitadores do pazo dicíase que non eran nada normais e que incluso tiñan un peculiar rabo na parte de atrás do corpo que os identificaba con seres demoniacos.
O Bon Xesús ou "Cristo da Pila" Neste contexto, debemos supoñer que o Cristo, coñecido hoxe como da Pila, fose o que presidise aquela primitiva igrexa, erguida a finais do século XV e que a denominación de Bon Xesús relacionase a esta efixie co gremioconfraría do mar. A potencialidade económica deste gremio e a sua devoción á imaxe do Cristo non cabe dúbida que viñeron eclipsar á advocación santiaguista da parroquia imposta desde o arcebispado como confin que era Cangas dun seu territorio no que controlaban tamén a vida económica e social. Despois daquel aciago nove de decembro de 1617 en que se produce o asalto turcoberberisco, vaise producir a desfeita económica e moral da puxante vila e porto cangués e loxicamente, quen máis pecunio perderan van facer o imposible por recuperaren o seu estatus anterior, dando lugar a falsos testemuños e declaracións... e incluso á "invención" das chamadas bruxas de Cangas. O único relato documental destes feitos é o da declaración das testemuñas, feito tres meses despois, destacando o do Procurador Xeral da vila Gerónimo Núñez que se centra máis no destrozo da igrexa e nas perdas de moitas persoas ricas que alí vivían. Mais, centrándonos no que nos ocupa, temos que esta testemuña afirma no seu relatorio que... todas las Ymagenes hizieron pedaços con las campanas..., frase que os catro racioneiros interrogados van repetir con algún engadido como... cortaron e quemaron las imagines é cruces, rretablos e campanas... levaron los hornamentos, frontal es, fámparas y mas plata que tenía... Pero só un dos racioneiros, apelidado San Juan Suárez, engade no seu relatorio:... poniendo fuego á un santo Xpº que auia en la dicha yglesia que hera de mucha deboción y milagros e no quiso arder... Non imos entrar na controversia suscitada sobre se os turcos non canonearon ou bombardearon Cangas como se dixo, pois isto repétese polas testemuñas de oficio, os máis deles curas e baixo xuramento sobre una seña! de la Cruz, ademáis de que cando se arranxou, un tempo despois, o tellado da Colexiata, apareceron nel bolas de canón que se supoñen produto do tal bombardeo pois non houbo outro. Mais, a controversia que detectamos, está en que só un dos racioneiros alude ao Cristo que non quixo arder, mentres no coñecido poema popular anónimo, que apareceu manuscrito en documentos do mosteiro de Celanova, recóllese: Entre penedos i entre touzas/ alá moi lonxe, lonxe, lonxe,/ levamos o Cristo con outras cousas, / alá pra lonxe, lonxe, lonxe. Vaia por diante que con isto non pretendemos mermar a secular e singular devoción que tivo esta imaxe baixo a confaría do Bon Xesús, que segue a ser hoxe devocionada pola Agrupación de Protección Civil local, e menos a imaxe posterior do Cristo do Consolo, senón actuar co rigor histórico que permite a escasa documentación do acontecido. Por se fose pouco, desde hai uns anos e coincidindo coa popularidade de internet, comezou a circular unha terceira versión deste feito que de tanto repetirse, como acontece neste medio, acabará considerándose verdade como certificación do que xa se define nestes tempos como posverdade. Nunha destas versións electrónicas afirmase que o Cristo foi recuperado polos mariñeiros de Cangas cando aboiaba na ría o cal podía ser factible se antes se constatase que foi levado polos turcos nun barco e logo botado ao mar...
Esta versión, que entronca coa tradición dos cristos chegados do mar está baseada nun relato lendario que afirma que esta imaxe, de escaso valor artístico, atopárona aboiando uns mariñeiros de Cangas na bocana da ría e cando ían rescatarla, antecipáronselle uns pescadores de Marín e levárona con eles para a sua vila. Para dar lle máis forza ao achado do desvalorizado Cristo e mostrar a fogosidade canguesa, engade un episodio incrible e difícil polos poucos veciños de Cangas que se salvaran do desastre e menos polo seu estado de ánimo despois da desfeita: Os de Cangas armaron un comando (sic), foron deica Marín, embebedaron aos gardiáns e recuperaron o Cristo... O "Maruxo" e o afundimento do "Santo Cristo de Maracaibo". Segundo as crónicas, o "Santo Cristo de Maracaibo", o maior galeón do mundo que formaba parte da flota da Carreira de Indias, foi dos poucos navíos españois da Batalla de Rande que conservaba gran parte da sua prezada carga. Xunto con outros catro barcos españois, estaba sendo atoado con oito cabos polo navío inglés "Monmouth", cando se afundiu na bocana sur da ria o dia 5 de novembro, converténdose desde esta data no pecio máis desexado por todos os buscadores de tesouros. A sua localización segue a ser hoxe controvertida pois os datos sobre a sua posición oscilan entre os 79 metros de profundidade perto das Cies e os 560 xa nas costas portuguesas. Actualmente e segundo novas prospeccións, asegúrase que este barco tan buscado era en realidade o "Nuestra Señora de los Remedios", pero a lenda é a lenda... Como sexa, non é a nosa intención terciar nesta polémica, senón incidir nalgúns feitos que teñen relación coa nosa zona naqueles aciagos días de comezos do século XVIII. Entre os primeiros que avistaron a flota anglo-holandesa estiveron os veciños de Donón que na bretemosa mañá do 22 de outubro 1702, cando saían da misa na capela, observaron abraiados, unha interminable ristra de velas que avanzaban silandeiras entrando pola bocana da Ria. Dise que un pescador que se atopaba faenando na praia marcou nun papel un risco por cada navío que miraba, chegando a marcar 189 barcos. A procesion de velas continuou durante case cinco horas e ao se erguer a brétema, apareceu a enorme flota de Shovell e Rooke na sua totalidade, fondeada frente a Cangas. Logo, acontecería a batalla en Rande e os saqueos pola contorna que non lle afectarían a Cangas. Mais, entre os obxectos do saqueo figuraba unha lampada de prata da colexiata de Cangas que temendo os racioneros un novo 1617 fora enviada a Redondela por crer que alí estaría mais segura.
Esta piados a doación fora enviada desde México no ano de 1699 por Juan da Veiga primoxénito do pazo do Sistro quen, ao saber do acontecido, reporía a lámpada uns anos despois cunha réplica idéntica á anterior. Contan as crónicas que o cinco de novembro, este galeón saía da ria atoado, como dixemos, polo navío inglés "Monmouth" de 66 canóns, xunto coa flota angloholandesa que se vía forzada a manobrar continuamente, acosada por pequenas embarcacións de pesca. Cando enfiaba lentamente a bocana sur, aparecen dous barcos de pescadores que lle cerran o paso coa intención de venderlles viño (supomos que do Hio) e lacóns aos mariñeiros que celebraban o seu éxito militar con moita xolda a bordo. Ante a perigosa manobra dun dos faluchos, o navío inglés tén que virar bruscamente a estribor indo a encallar contra do illote Agoeiro, abríndoselle unha via de auga na proa. Ao tempo, e por inercia, o "Santo Cristo de Maracaibo" vai tamén abordar ao "Monmouth" pola amura de estribar, lanzando ao mar a parte da tripulación e ao mesmo capitán. Mentres os ingleses trataban de salvar os dous barcos, "Maruxo", patrón do falucho aproa a toda velocidade cara Baiona. Como consecuencia desta manobra, o "Santo Cristo de Maracaibo" que fora sellado polo capitán inglés, foise a pique, adicándose parte da tripulación a salvar o seu barco e outra a saquear as riquezas do galeón español antes de que afondas e. Grazas ao investigador Femando Benito que localizou unha carta enviada nesta data ao Padre Sarmiento, sabemos hoxe que a manobra que provocara o afundimento do "Santo Cristo de Maracaibo" fora premeditada. Nela cóntase como J osé Sarmiento de Valladares, armador do barco español, vendo que este galeón e a sua prezada carga estaba en mans do inimigo, trata con Ricardo dos Santos "Maruxo", mariñeiro portugués, casado en Cangas, a exitosa operación de afundimento que relatamos máis arriba: Nin para ti, nin para min, debeu ser a idea de Sarmiento de Valladares, conde de Moctezuma e virrei de Nova España.
As ánimas dos náufragos da Borneira Durante moitos anos a zona de Punta Balea cos perigosos baixos da Borneira foi lugar habitual de naufraxios e dun destes cóntase que aconteceu nunha noite de pechada néboa na ría e que un barco co rumbo extraviado, mirou unha luz e dirixiuse cara a ela pensando que era un faro. Mais resultou que só era unha fogueira na praia e cando se quixeron dar de conta, xa se esfarelaran contra as rochas, afundíndose rapidamente o barco cos seus tripulantes. Agora, cóntase que todas as noites dos dias vintecinco de Nadal, entre as doce e a unha da noite, érguense as ánimas dos mariñeiros mortos na procura da fogueira e que non descansarán desta angueira ata que non atopen aos seus autores. Neste sentido cabe lembrar o naufraxio do Cros pois aconteceu no día de Noiteboa de 1909. Tamén se di que da carga do trasatlántico foran raqueadas moitas pezas de cristal por uns veciños que andaban ás crebas e que foron agachadas nun sítio aos ollos da policía que as andaba a buscar. Mais, pasado un tempo, cando as foron recoller, toparon todo o cargamento escachado e esnaquizado, quedando para repartir só moreas de anacos de vidro. Díxose que isto ocorreu debido a unha noite de forte temporal pero a maioria consideraron que fora unha vinganza das ánimas en pena dos naufraxios.