⚠️ Web en probas, próximamente activa
🧝 Criaturas Míticas

Capítulo 07Os Trasnos: Trasnos e Trasnadas do Morrazo

O Trasno. Hai moito tempo, cando non había máis coches que os de cabalos e os camiños se percorrían a pé, un home retomaba de celebrar a festa do Santiago na parroquia veciña de Ermelo, onde estivera convidado na casa duns coñecidos. Eran arredor das catro ou cinco da mañá e para facer o camiño máis curto deica a Ameixoada, viña atravesando as veigas e máis os montes. Cando se atopaba no medio do monte, observou unha luz moi forte e extrana, pois non semellaba a luz dunha fogueira, nin podía ser a dunha casa, xa que aquel lugar quedaba tan illado que nin siquera había casas. Entre incrédulo e medoñento, seguiu camiñando, mais ao chegar a unha veiga, viu como unha ovella pacía nun comareiro. Imaxinando xa larpeiro, todo o que podía facer se a levaba para casa, botouna ao lombo e seguiu camiño.Cando chegou á casa, deixouna no cortello pero cando foi buscala, sen saber como nin por que, a ovella xa non estaba. Ao tentar atopar unha explicadeira, todos acordaron en qué a ovella non era tal, senón un trasno mutado neste animal. O Trasno en Rodeira. Estando uns mariñeiros pola praia de Rodeira, largando as pezas desde unha traiñeira, viron como un animal semellante a un carneiro corría dun lado a outro pola praia. Sorprendidos por veren un animal deste tipo naquel lugar, bogaron con forza ata achegárense á beira. Cando chegaron alí, un deles baixou a terra e cun cabo que collera a bordo, logrou atrapar o carneiro. Mais, cando o tiña amarrado, o mariñeiro desapareceu de súpeto e todos os seus compañeiros baixaron da embarcación e empezaron a buscalo por todas partes da ribeira sen sacar ningún froito da sua busca. Contan que ao final, aquel home apareceu no monte do Liboreiro, mancado e ferido polos golpes que lle dera un trasno baixo a forma dun carneiro. Defuntos por Trasnos. Máis arriba de Xielas, na Laxe, hai unha casa que agora está en ruínas, onde vivía un matrimonio que se chamaban Xermán e Isabel. Semella que ao parecer oían moitos ruídos e incluso viron como o seu fillo recén nacido, durmindo no berce, se acunaba el só. Tamén se comentaba que despois de colocada a louza, esta caía ao chan sen se saber a causa. Semella que estes ruídos e cousas extrañas calmábanse durante uns días, despois de que os amos da casa facían unha misa de defuntos crendo que eran as animais dos que morreran naquela vivenda. Ao pouco, decataríanse de que quen adoitaba rebulir na casa non era máis que un trasno contra O que non eran efectivos os rezos...