⚠️ Web en probas, próximamente activa
🧝 Criaturas Míticas

Capítulo 03Mouras, Mouros e Ananos da Tradición

Mouros, Mouras e Ananos. En términos xerais, defínense en Galicia como mouros aos habitadores míticos dos castros galaicos ou das mámoas e as mouras son fermosas donas loiras posuidas dun encanto que adoitan facer acto de presenza pola noite arredor de penedas senlleiras, dalgunhas fontes ou de paraxes que amosan con máis frecuencia, unha relación coa existencia de restos arqueolóxicos. Foron varias ao longo dos anos, as interpretacións que se lle quixeron procurar a estes seres, identificando o nome de mouros e mouras co de seres extraños, diferentes ou antigos, devanceiros de tempos xa moi lonxanos. Porén, desde o noso punto de vista, cremos que este nomeamento xeral de mouros vén definido polo propio significado da palabra que se pode transcribir como os escuros. E son escuros porque lles molesta a luz diurna e só se mostran de noite, porque habitan na escuridade que reina debaixo da terra onde viven e traballan en diversos oficios, semellantes aos nosos e explotando as riquezas minerais, basicamente ouro. Xa hai moitos anos, unha señora de moita idade que vivía soa nun extremo da sua aldea montesía e perto dunhas mámoas e dun castro, confesounos, non sen certas reticencias, que os tiña sentido moitas veces andar de noite e incluso comprobar como traballaban baixo a terra durante o día, aplicando a orella a unha peneda próxima que transmitía o son dos teares que utilizaban nos labores. A espelida anciá, que levaba moitos anos vivindo soa na sua retirada casiña, tamén nos explicou que as mámoas das proximidades eran as antigas vi-vendas dos que viviran alí e que estaban así, derruidas, desde a época do Dilu-vio. Coidamos nun principio que estes argumentos explicativos daqueles restos e a asunción dos mesmos con visos de realidade non eran máis que un xeito de vencer o medo, xa non só pola situación isolada da sua morada senón pola propia difusión das lendas en cuestión das que era coñecedora. Non só nos confirmou que a ela nunca lle fixeran mal senón que ao abordar a cuestión dos que vivían no castro, os mouros e as mouras, aseverounos que moraban nun mundo ao revés do noso e que o que hoxe percibiamos das casas do recinto eran os cimentos das mesmas, pois estaban feitas ao contrario que as nosas da superficie. Sobre as loiras mouras entendía que non todas eran así e só algunhas, as que disfrutaban das riquezas e o ouro, podían acceder á superficie en datas determinadas grazas aos "encantos" que posuían que lles permitían abrir e pechar penedas e tamén converterse en serpes, forma animal que lles facilitaba o subir e baixar dun mundo ao outro polos buracos. Sobre os ananos hai diversas apreciacións e hai quen os asimila aos trasnos polas diañuras que fan, ainda que tamén contan con poderes que exercen soprando ou aollando á vítima para facerlles mal. Tamén se di que teñen o poder de se transformar en determinados animais ou aves agoreiras que preanuncian a morte. Porén, hai outros ananos que habitan nos castros e están encargados de traballar nas ricas minas que posúen os mouros. Estas minas e túneles comunican diversos lugares dunha zona e están entibadas con esteos de ouro, ainda que estas trabes tamén poden ser de alcatrán ou de xofre.

Esquema do castro subterráneo ou 'ao revés' dos mouros.
Esquema do castro subterráneo ou 'ao revés' dos mouros.

Os mouros de Castro Liboreiro. No alto do Monte Liboreiro residían nun tempo pasado os mouros, antigos poboadores deste lugar que eran moi belicosos e sempre andaban en liortas entre eles. Dise que estes facían labores de minaría no monte e que ainda existen duas covas, unha que agacha o tesouro e outra unha mina de veneno pola que hai que cruzar antes pero ninguén foi ainda capaz de dar con elas. Porén, outros sosteñen que son tres as covas, a de ouro a de prata e unha de lava que se se abre por erro, estoupa o volcán que hai no monte soltando moito xofre. Dise que unha forma de atopar as riquezas é mediante o conxuro Liboreiro, liboreu, todo canto ouro agachas é meu, mais ata agora ninguén deu con el. O monte Castelo de Darbo. Contan que neste monte vivían os mouros e que cando se atopaban en perigo ou precisaban entrar ou sair discretamente do mesmo, facíano a través dun túnel que comunicaba coas Fumas na beiramar. Como proba disto fálase do achado aquí de dous colares de pérolas e de obxectos de ouro. Desde o Castelo tamén se di que partía outro túnel que comunicaba co monte da Paralaia.

Monte Liboreiro e a súa contorna de lendas.
Monte Liboreiro e a súa contorna de lendas.

Castro de Herbello. Había aquí unha construción feita polos mouros onde habitaban e tiñan un túnel que comunicaba co mar na praia da Cova (Areacova) en Aldán. Castro do Facho. Nel vivían os mouros que fuxiran da vila da Coruxana cando esta foi asoe lagada e enterrada como castigo. Pero anos despois, os mouros que vivían no Facho decidiron baixar a vivir para o que hoxe é Donón pois reunía mellores condicións de habitabilidade. Castros de Coiro. Os mouros tiñan habitado en lugares como Outeiro, Pedralán, O Mato, Castrillón... e deixaron numerosas covas polo monte. O Castrolín. Disque no Hio, alá no monte do Castrolín de Vilanova viviron os mouros e as pegadas dos seus cabalos ainda permanecen gravadas nas rochas. Certo día, foron por alí uns homes e miraron unha galiña con pitos que piaban moito. Un dos homes dixo: -Pobriños, pobriños! Que fame teñen! E ao dicilo, os pitiños convertéronse en ouro.

Ruínas e vestixios do Castro de Herbello.
Ruínas e vestixios do Castro de Herbello.

A Casa da moura. Cóntase que era un home pobre que saiu un día de mañá cedo para achegarse á feira do día doce e ao pasar perto da Casa da Moura saíulle un mouro e preguntoulle: -E logo para onde vai? -Voulle para a feira a mercar uns porquiños. -E ten moito diñeiro para os mercar? -Ai, señor, eu cartiños téñolle pouquiños. -Ben, pois vas á feira e mercas dous porcos dos mellores que haxa e esperádesme alí ti e máis quen chos venda que logo vou eu e págollos. E segundo dixera, así aconteceu e o mouro quedouse cun porco e o home con outro. Entón o mouro díxolle ao home: -Mira, todas as mañás cedo hasme traer aquí medio neto de leite pero ti non chames por ninguén. Déixamo neste sitio sinalado que xa terás nel un peso todos os días. E así vas facer sempre. E ten moito tino de non dicirlle nada a ninguén, que estas cousas non se poden contar. E así por moito tempo, o home estivo levando o leite e collendo os cartos. Mais, pasado un tempiño, a súa muller comezou a preguntarlle con insistencia:

Vista panorámica do Facho de Donón.
Vista panorámica do Facho de Donón.

-De onde che veñen os cartos? Por que antes non tiñamos case ningún diñeiro e agora temos moito? Ti tes que ter unha amiga que chos dá. E o home contestáballe: -Non muller, non. Ti come e bebe e a min déixame, que eu non teño amiga ningunha. E ela volvía a porfiar: -Pois ti tesmo que dicir, que dalgún lado che veñen. E tanto porfiou ela que o seu home rematou por llo dicir. E chegou o outro dia pola mañá, e o home foi co leite, mais ao acudir ao sitio sinalado, en vez dos cartos atopou un como cun letreiro que dicía: -Falaches, comeaches... A Moura da Laxe. Aínda que se teñen visto en moitos lugares, unha das máis recoñecidas por distintas persoas é a que adoitaba aparecer na Laxe do Monte da Pena durante as noites, alisando cun peite de ouro a sua longa cabe leira loira e levando por veces brincos ou colares do mesmo material. Como sabemos, a utilización destes abalorios e utensilios deu pé a estender e confirmar que estes seres do inframundo eran posuidores de inmensas riquezas que extraían do fondo da terra onde vivían. A Moura da Pedra da Pena. Nesta pedra, adoitaba aparecérselle unha fermosa rapaza loira aos que se atrevían a pasar por alí de noite. A todos lles dicía que estaba presa dun encanto que a convertía en serpe durante o día e que estando nesa forma se alguén lle daba un bico liberaríase do mesmo e faría rico a quen se atrevese a facelo. Algúns tentaron probar pero ao ver o seu aspecto, acababan por desistir de bicala ata que chegou un mozo que tivo a ousadia de facelo desfacendo o encanto. Logo casaría coa moza e xuntos desfrutaron das riquezas que esta gardaba. A moura do Castelo. Outra destas mouras tamén foi vista nas abas do monte Castelo peiteándose cun peite dourado, sentada sobre un penedo e os que a viron comentaban que vivía nun pazo subterráneo que había por alí e que adoitaba deixarse ver nas noites de lua clara, permanecendo no lugar ata o inicio da luzada do día coa que desaparecía. A Moura do Liboreiro. As consellas populares din que non é bo subir de noite pois nas rochas do alto do monte adoita aparecerse nos días de lua chea, unha fermosa moura peiteando o seu longo e liso cabelo louro cun peite de prata. Mais, dise que cando alguén se achegou alí para ollar a súa fermosura, esta esvaécese no momento. A moura da Pedra do muíño. Un dos moitos encantas que se produciran no Monte da Pena foi o encontro que tivo un home cunha fermosa e loira muller cando retomaba á noitiña para a sua casa despois de traballar. O home observou que aquela estaba comendo na pedra e ao preguntarlle por que o facía, a belida dama explicoulle que aquilo era fruto dun encantamento. Díxolle, ademáis, que só podería liberarse do mesmo se alguén a axudaba e que de ser así había recibir importantes tesouros e riquezas. O home pensouno ben antes de se ofrecer pero logo lle preguntou que tiña que facer. Entón a muller díxolle que ela botaríase a rolar monte abaixo en forma dunha pedra de muiño e que el tería que parala para poder desfacer o encanto. O home volveu a pensalo de novo e díxolle que non había inconveniente, que non lle importaba nada o que tiña que facer. Co acordo pactado, a fermosa muller citouno para o día seguinte e ao chegar perto do lugar, mirou a pedra de muiño que viña rolando a toda velocidade contra del. Visto isto, o home non se atreveu a parala e apenas tivo tempo de botarse cara a un lado, esquivándoa.

A Moura peiteándose na Laxe co peite de ouro.
A Moura peiteándose na Laxe co peite de ouro.

Ao pasar a roda da pedra do muíño ao seu carón observou que a pedra non era tal senón a loira e fermosa muller, que ao seguir roulando monte abaixo, emitía berros ao ir rozando coa vexetación e os coios, laios e xemidos. Nun momento, a pedra foi petar nunha rocha e desapareceu subitamente, esvaecéndose no ar. Desde aquel intre nunca se soubo máis daquela dama, nin quen era, pero o peor de todo foi que aquel home ficou sen o tesouro por non ter cumprido co pactado. Os ananos da Serra. Tanto no Liboreiro como na Serra da Magdalena dicíase que habitaban uns ananos, homes e mulleres, que comían á xente e que facían moito mal. Uns vivían en covas e outros facían as suas propias casas pero estas eran tan pequenas que nelas só cabían duas ou tres persoas e apenas as usaban para durmir. Nun penedo tiñan a lareira onde facían a comida e xantaban todos ao redor dela, ademáis de tomar alí o sol cando o había. As pegadas do cabalo de Santiago. Cóntase que os mouros que habitaban no Liboreiro foron vistos cando tentaban "tomar posesión" da igrexa do Valado e chamaron ao Apóstolo Santiago que chegou ao Liboreiro xunto cun tenente que xa tivera participado en antigas guerras contra eles. Cada un deles traía un loro e ao chegaren ao monte puxéronse a falar milagrosamente os paxaros. O loro de Santiago falou: "Ven, ven, que por aquí vas ben", mentres o do tenente respondeu "vai, vai, que por aquí non vin". Tamén se di que o Apóstolo Santiago, montado no seu cabalo branco, derrotou aos mouros (moros) expulsándoos do Liboreiro a través do Cabo Udra. Aínda hoxe son visibles as trincheiras que utilizaron os mouros para se defenderen e que antes estaban cubertas de pedras pero que logo foron aproveitadas para construír os muros que separan os eidos. Deste enfrontamento quedaron as pegadas do cabalo e do mesmo Apóstolo gravadas na pedra da Pirolla e que tres dos mouros, expulsados do seu territorio deixaron un escrito e gravaron os seus tres nomes nunha pedra como testemuña da súa propiedade do lugar. Sábese que os mouros tiñan unha boa razón para volver, pois entre os restos que deixaron no Liboreiro asegúrase que quedou unha gran riqueza en ouro, oculta nunha mina. Na zona do Liboreiro tamén se di que hai unha rocha sinalada cunha aspa e que se se pón a orella nela séntese o mido da auga dun rio soterrán que vai dar ao Facho de Donón, segundo uns, ou ao mar, segundo outros. Tamén no monte, existen uns buracos e covas das que se fala que levan a unha praia de Aldán uns e outros á cova da Landra, na Banda do Río de Bueu. O Apóstolo Santiago andivo batallando moito por estas terras e as pegadas do seu cabalo ficaron marcadas en rochas da Curuxana, na Lapa dos Santos, no monte Abelleira, no Castrolín, no Facho, no Outeiro do Mouro...