⚠️ Web en probas, próximamente activa
🧝 Criaturas Míticas

Capítulo 05Outras Lendas, Misterios e Pedras Máxicas

A Pedra sanatoria. Despois da invasión dos turcos, un mozo duns doce anos, orfo de pai e coa sua nai enferma, subiu ao monte Castelo na procura dunhas herbas para facer un bebedizo para tentar de sanala. Cando ía na metade do monte atopou unha pedra que lle pareceu de ouro pero non fixo caso do achado ata que de repente escoitou unha voz que o chamaba. Mirou entón cara atrás e ao achegarse viu que aquela pedra tiña unha cara. Moi asustado faloulle: -Farei o que me pidas pero non me fagas dano. E a pedra contestoulle: -Non che farei nada. Só colle un pouco de min e cómpralle un medicamento á tua nai pois as herbas nada lle van facer. O rapaz fixo o que lle ordenou a pedra e ao pouco a sua nai púxose ben, contándolle a todos o que ocorrera e desde aquela chamáronlle a Pedra sanatoria. Din que esta pedra ainda existe pero a día de hoxe xa non se sabe onde está situada pois de tanto rañar na sua superficie, semella que quedou moi pouco dela e ademáis está xa cuberta pola terra. A Fonte do Salgueirón. Contan os mais vellos que no monte do Salgueirón, debaixo dunha enorme laxe, manaba unha auga moi milagreira que lle sanaba todo tipo de enfermidades a quen a bebía. Mais, dise que en certa ocasión unha muller foi lavar alí os cueiros dun meniño e desde ese día a auga do manancial do Salgueirón perdeu as suas propiedades sanatorias.

Petroglifos con gravados de serpes vinculados a encantos terrestres.
Petroglifos con gravados de serpes vinculados a encantos terrestres.

A fonte de Pinténs. Cóntase que, nunha fonte con lavadoiro que había no camiño de Pinténs a Donón, adoitaba aparecerse nas noites de lua clara unha figura fantasmagórica que por veces agrandaba e por veces minguaba. Isto, claro, facía que todo aquel que pasase perto do lugar se afastase do mesmo dando un rodeo pois dicíase que podía ser unha Lavandeira, un vello espíritu que adoitaba achegarse a lavar roupa manchada de sangue pois morrera dun mal parto e que quen entablase conversa con ela exporíase a moitas desgrazas. Durante moitos anos, todos os que utilizaban este camiño, chamado dos Namorados, pasaban temerosos de largo, sen dicir nin pío, ata que unha vez ' un mozo que adoitaba pasar moitas veces polo sitio pois ía rondar a moza a Pinténs, decidiu, destemidamente, achegarse á fantasmagórica figura do lavadoiro comprobando que non era máis que a escuma procedente do xabón de lavar que subía coa caida do chorro da fonte e baixaba cando a auga se baleiraba polo aliviadoiro. E aquí morreu o conto, ou a lenda, neste caso.

A Caveira. Contan que ainda non hai moitos anos, un home da Pedreira, coñecido como Gilitiño "O Bobo", ía camiñando e ao pasar polo cemiterio mirou unha caliveira no chan e deulle unha patada. Seguiu camiño como se nada pero ao chegar a casa encheuse de medo e preocupación pois topou a mesma caliveira na entrada. A Seitura. Todos os anos, no tempo da seitura, cando os labregos aínda facían a sega, sempre lles chovía e eles abrigábanse nun galpón onde agardaban a que escampase mentres un vello lles lía uns contos dun libro. Estes contos eran sempre os mesmos pero un ano, namentres o vello abría o libro, xurdiu un home alto e loiro cos ollos gazos e díxolle aos labregos que se lían o libro ao revés, el subiría ao ceo e xa non voltaría a chover máis cando chegase o tempo da recolleita. O velliño que lía no libro fixo o que lle dixo e o home loiro foi cara ao ceo e dende entón dise que non volveu chover no tempo da seitura. Nunca se soubo quen era. Era alá cara os comezos dos anos cincuenta cando o propietario dunha taberna no Espíritu Santo acababa de pechala sobre as doce da noite. Tomou camiño da sua casa como adoitaba facer a cotío pero ao chegar onda o Areeiro, chamado antes o Campo dos Aparellos, presentóuselle unha muller descalza cun pano na cabeza. El ía xa na altura das Casas Baratas, cruzou a estrada e meteuse polo Forte, observando que a muller seguira pola estrada xeral.

Debuxo dunha caliveira tradicional ligada ás consellas.
Debuxo dunha caliveira tradicional ligada ás consellas.

Cando o home chegou ao Cristo do Señal viu que a muller xa estaba alí. E así seguiron en varios tramos, decatándose o home que por moito que correse nunca podía ir diante dela. Nestes encontros, tentou mirarlle a faciana á muller sen conseguilo ata que por fin chegou á sua casa. Ao chegar contoulle á sua nai o que lle acontecera dándolle unha escasa e cativa descrición da extraña muller. Ela, quizáis para tranquilizalo, respostoulle que podía ser unha avoa do seu avó, a pesar de que xa había moitos anos que morrera... Pero, o certo é que, en verdade, nunca se soubo quen era aquela misteriosa muller.