⚠️ Web en probas, próximamente activa
🌿 Ritos e Medicina

Capítulo 20Relatos Históricos Equívocos e Curiosidades

Cinnania. Nun tempo moi recente historicamente, reprodúcese e esténdese que Cangas foi a antiga cidade de Cinnania mencionada por Valerio Máximo, ainda que hai outras poboacións que tamén reclaman este mesmo nome. Este historiador, no que se basea Vicente Risco, conta como Décimo Xunio Bruto, O Galaico, atacou esta cidade da Gallaecia (tamén mencionada como Cinninia e Cinginnia), moi rica e empeñada en soster a guerra. Estando sitiada e séndolle ofrecida a liberdade en troques dun rescate, os seus moradores (igual que fixeron os numantinos) respostáronlle: "Os nosos pais deixáronnos ferro para defender a patria, non ouro para comprarlle a liberdade a un xeneral avarento". Entón, Bruto decidiu levantar o cerco. O problema desta referencia histórica, convertida aquí en lenda, é que o citado historiador romano xa di no seu texto que era "unha das máis esforzadas da Lusitania" e nos enfrentamentos fala dos brácaros e dos galaicos, ubicados ao sur do Miño.

Dona Luz no orixinal.
Dona Luz no orixinal.

No século XVII o xesuíta ourensano J. Álvarez Sotelo (Perrelos - A Limia) publica unha Historia General del Reyno de Galicia na que ubica acidade de Cinnania en Cangas, mencionando a sua ascendencia grega debida a Teucro e Diomedes, chegados aquí despois da guerra de Troia. Desta referencia mítica é da que se concluiu (así o fai unha Guía de 1912) a procedencia do nome e orixe de Cangas que durante un tempo foi apuntada como certa. Mais os pescudadores da historia antiga non sabían que en 1880, o historiador ourensán B. Fernández Alonso xa situara a Cinnania no ano 600 a. C. no lugar denominado "A Cidade" perto do monte do Viso entre Baños e Sta. Comba de Bande, baseándose tamén en textos de Tito Livio e L. Floro. Finalmente, a aparición en 2002, dunha inscrición nunha basa de columna coa inscrición CINGINIA/ CINNANIA, deulle pé ao arqueólogo M. Mayer para ubicar esta cidade en Sobrado, Caldas de Vizela (Guimarães) territorio, ainda así, da antiga Gallaecia. Lancia. Foi este un nome elixido para denominar a un dos equipas de futbol locais que naceron nos anos vinte e que debeu ser decidido por alguén con coñecementos históricos. Porén, o nome non alude a Cangas senón a unha das illas Cíes que xunto coa de Albiano aparecen conformando o arquipélago nos textos clásicos.

O Rei Enfeitizado no orixinal.
O Rei Enfeitizado no orixinal.

A Condesa dona Luz. Outra reinterpretación histórica xorde a finais dos anos vinte do pasado século ao recoller G. Álvarez Limeses na Geografía de Galicia que en tempos de Witiza, antes de ser rei, cando era gobernador de Galicia no ano 699, vivía en Cangas dona Luz, duquesa de Cantabria e nai de famoso reconquistador don Pelaio. Este dato sería repetido en numerosos traballos, publicacións e mesmo guías turísticas sen decatarse que en Asturias hai tres poboacións co mesmo nome de Cangas. E nesta historia, baseada nos antigos cronicóns, cabe mellor situar a residencia de dona Luz Vitular (filla de Vitulo), irmá de don Rodrigo e casada con Fafila (Favila), en Cangas de Onís. Aquí estableceu a sua corte o rei Pelaio despois de ter derrotado aos árabes na batalla de Cámicas, nome que non só aclara a confusión toponímica, senón tamén a orixe das poboacións, sete en Galicia e tres en Asturias, que levan o nome de Cangas. Ademáis, dona Luz nunca foi condesa de Cantabria segundo expertos xenealoxistas. O rei enfeitizado. Polos comezos do século pasado tamén circulou popularmente a noticia (falsa) de que o monarca español Carlos II denominado popularmente como "O Enfeitizado" estivo en Cangas. Contábase que este rei, paradigma da decadencia borbónica, acudiu á nosa vila a causa dos seus problemas de saúde que en realidade eran de consanguineidade. Como a medicina daquela época non daba resolto este asunto, dise que decidiu probar coas xa "famosas bruxas" da nosa localidade para que lle tirasen o meigallo. Tamén se contou que, unha vez desconxurado, lle agradeceu o favor á localidade, outorgándolle a Cangas o título de Muy Noble Villa...

O Southern Cross. Algúns relatorios sobre naufraxios antigos adoitaban vir envolveitos nunha aureola lendaria que os achegaba ao misterioso pero os naufraxios modernos, como este, xa eran esclarecidos polos medios oficiais e a prensa librándoos de especulacións lendarias. Contodo, este naufraxio, acontecido na Borneira na Noiteboa de 1909, ainda xeraría aspectos lendarios como os que xa narramos e outros que se estenderon como un ruxe-ruxe descalificatorio dos veciños de Balea. O balance do naufraxio deste trasatlántico que traía 168 pasaxeiros saldouse cun morto e varios feridos e sufriu moitos danos no casco dándoo por afundido. Porén, a maior parte da carga máis valiosa foi recuperada pero outra parte, como mobles, vaixelas, cristalería e bidóns de cemento e cal foron raqueados polos veciños e moitos destes obxectos ainda se conservan en diversas casas de Cangas. A este respecto e promovido pola envexa dalgúns, veuse propagar o bulo de que os veciños de Balea pintaron daquela as casas de branco con botes de leite condensado procedentes deste barco coa conseguinte sorpresa e chasco de vela correr polas ruas cando caeu unha chuvia forte: O relato deste feito chegaría ata hoxe pero hai que aclarar que non houbo tal cousa pois os de Balea non eran tan parvos como os querían poñer e o que usaron foron os barrís de cal que sacaran do Southern Cross.