⚠️ Web en probas, próximamente activa
🕯️ Crenzas e Maxia

Capítulo 09A Compaña nun Relato do Século XIX

A Compaña nun relato do século XIX. O vento zoaba afouto traendo de vez en vez as agudas vibracións dunha campá dobrando a morto. Unha nube de grandeiros paxaros negros axitábase con terrorífico voo entorno dos alcipreses do patio, lanzando ás veces doentes e agudos grallidos, que resoaban nos ouvidos de Manuel coa mística entoación dun De profundis. No curral acababan de entrar sete pantasmas de roupaxes flotantes e brancas como o albo da neve, levando na man escintilantes cirios que unha pálida chama consumía. Manuel tremía como un azogado: a tétrica danza que ante os seus espantados ollos comezaron os aparecidos, encheuno de abraio, atordoando as facultades da súa alma e concentrando a sei va toda da súa vida na vista e no ouvido.Non cabía dúbida: ante os seus ollos presentábase a Compaña, esa sociedade de trasgos noiturnos, que case todos os campesiños e mariñeiros galegos creron ver algunha vez na súa vida, ao pasar un monte, abeirar un rio, saír da casa, atravesar un bosque ou saudar o cemiterio. E tal como nas longas noites de inverno escoitara Manuel describir a aparición da Compaña, do mesmo xeito apiñábanse e revolvían diante da súa vista os sinistros visitadores, cuxas luces lívidas e oscilantes o aterrorizaban. A Compaña formou un circo, en cuxo centro brillaba unha luz máis viva que as outras: aquela roda viraba como unha guirlanda de estrelas e ía estreitándose dun modo fantástico e misterioso ata suprimir case a distancia entre o centro e os lados. Unha bandada de coruxas, mouchos e morcegos revoaba xunto á xanela na que estaba Manuel. A luz da lúa ía amortecéndo: semellaba próxima a se extinguir. Os paxaros da noite amoreábanse diante da xanela con tal afouteza que só por intervalos lle permitían ao mozo albiscar a danza das pantasmas. De súpeto, unha coruxa pasou rozando coas ás o vidro da xanela e lanzou un prolongado gralleo que fixo retroceder de medo ao Manuel.

Abriuse a porta que daba ao cuarto do doente e debuxouse no lintel a figura da anciá. Manuel cravou nela unha ollada vaga, case incerta... case parva... -Prégalle a Deus polo teu pai! -exclamou a vella cun deixe solemne, sinalando co seu dedo ao alto. -Morreu? -preguntou desesperado o rapaz, precipitándose cara a xanela como desalentado e fóra del. No patio non había ren; paxaros e luces desapareceran: tan só ao lonxe podía ouvirse o tanxer dunha campá. Manuel percorreu deseguida o fondo da paisaxe e ao fin creu albiscar entre brétemas e escuridade, seis luces, cuxo brillo esmorecido ía esvaecéndose ao lonxe. -É verdade, é verdade! -repetía o mozo petando na testa; viñeron sete e só marchan seis! -Matárono ou puxéronlle luz negra! Ai, nai miña! Velemos polo meu pai. As portas do ceo pecháronse para el por unha eternidade! Daquela, falouse pola aldea de que a Compaña tiña vido a procurar a alma do defunto usureiro pero que o seu fillo e a viúva, a forza de esmolas e boas obras, fixeran desaparecer o odio que sobre aquela casa atraera a ambiciosa conduta do prestamista.