⚠️ Web en probas, próximamente activa
🌿 Ritos e Medicina

Capítulo 18A Noite Máxica de San Xoán e Ritos do Sol

A Noite de San Xoan. Aínda que a parte máis espectacular desta noite sosticial, a máis curta do ano, sexan as fogueiras, máis certo é que o elemento importante nesta data é a auga pola sua relación con San Xoan Bautista que libraba aos crentes do pecado orixinal por medio deste elemento. Por isto crese que esta noite as bruxas perden o seu poder maléfico pois San Xoan tén a facultade de desarmalas. De aquí a xenreira das bruxas cara este santo, testemuñada nos Autos de Fe nos que os encausados declaraban case unánimemente que por indicación do Demo insultaban ao Bautista no día da sua festa.

Antes de que as fogueiras alcanzasen a magnitude actual, o máis común era facer pequenas cacharelas ás que se lle botaban determinadas erbas e sobre o seu fumazo ou rescoldo facíase pasar o gando para libralo de aires malos e enfermidades. As fogueiras facíanse habitualmente nas praias onde os mozos bailaban e cantaban en roda ao seu redor ou saltaban sobre o lume para afacerse co seu poder profiláctico e curativo. Mais, tamén se realizaban estes ritos para espantar as bruxas e seres maléficos ou tirar determinados meigallos por se consideraren estes lugares como puntos habituais de reunión e aquelarres. Neste sentido destaca a chamada praia das Areas Gordas (Rodeira) mitificada como lugar de reunión bruxeril desde o encausamento inquisitorial do século XVII, alimentado por diversas referencias literarias posteriores: Aún hoy en el famoso Areal de Coiro, en la vil/a marinera de Cangas, puede verse en la noche del 23 de junio correr por la playa con la camisa fuera, a una caterva brujeril de la más extravagante catadura, y só eran detenidas por el bautizar de la alegre campana de la iglesia (Coiro), ante el anatema de la lúa gorda de San Juan y el retumbo de las olas».

Xa vimos tamén como nesta mesma parroquia se practicaba a recolleita do fento macho ao pé da máxica Pedra da Pena e dise que nesta noite acoden a se lavar as bruxas á fonte da Bieita, perto da igrexa, pero é preciso evitar o lugar pois quen as mire ficará exposto a recibir calquera feitizo. A parte disto, as xentes adoitan decantarse mellor polos fertilizantes baños das nove ondas no mar, emboligarse espidos no prados e comareiros como se facía cara Hermelo onde nace o Bouzós, mollándose co orballo da noite. Outros rituais desta noite tamén comúns no Morrazo eran as mudanzas de obxectos do seu lugar habitual como macetas, contraventás, portas, portais e apeiros de labranza, incluídos os carros de bois. Como habitual, desde tempo inmemorial, permanece ainda hoxe en Cangas, a colocación de flores de choupo e cardo nas casas para preservalas do meigallo e máis ainda o facer a auga de San Xoan (cacho) coa inmersión de diversas plantas. Aquí, alcanza gran difusión e interese a venda de diversas plantas medicinais e olorosas que mesturadas constitúen a poética e literaria Flor da auga elaborada nun cacho (recipiente) con diversas plantas para obter este lavativo matutino. Aínda que moitas das plantas proceden hoxe dos xardíns particulares, outras hai que procuralas no monte en lugares míticos como a Fraga de Coiro, destacando o monte da Pena, o Tromentelo, ou dos Lagos. Os mañuzos de herbas para facer o cacho, adoitan venderse xa elaborados, o día de San Xoan no entorno da praza de abastos. Adoitan diferir no seu contido varietal segundo quen o elabora, mais unha escolma das erbas empregadas pode ser a base de xarxa, ourego, esplegue, herba luisa (aloisa), malva, peineta, camomila, variedades de hortelá ou poenxo, tromentelo, codeso, folla de choupo, chuchamel e brotes de silveira, noceira e viña. Unha vez utilizado o cacho, este pendúrase a secar nun lugar da casa como elemento protector contra diversos males.