Capítulo 12Meigas, Meigos e Meigallos na Tradición
Acadaquén o que é de seu. Despois da guerra de Cuba, na que caera ferido, mais tarde desaparecido e dado por morto durante catro anos, voltou o bisavó de Amador á súa casa da Goivada coa enfermidade do paludismo. Naqueles tempos ainda non había tratamento para esta doenza e o recurso máis a man era levalo á meiga. Unha destas, veciña de Coiro e experta en ungilentos, pócemas e outros remedios, recomendoulle que fose ao cemiterio ás doce da noite, que procurase un óso humano para rallalo e que logo botase as raspaduras en agua fervida, facendo un bebedizo que debía tomar. Contan que despois de dez ou doce días, como o doente oíse petar de seguido na porta da sua casa, volveu onda a meiga quen lle aconsellou que lle pagase unhas misas pola alma de aquel a quen pertencía o óso. Despois disto, non volveron a petar máis á porta e nunca se soubo quen era o finado. A Muller que lle saltaba a sartén. Había en Darbo unha muller a quen non lle quería ben unha veciña porque nos seus tempos novos, esta roubáralle o mozo que a cortexaba. Por culpa disto, foron moitas máis as calamidades que pasou esta muller pois a veciña como vinganza pola faena que lle fixera, botoulle o meigallo. A muller foi sufrindo e aguantando con moita paciencia todas as cousas inalas que lle acontecían ata que se colmou a sua paciencia cando cada vez que collía a sartén na man para fritir algo, esta daba saltos na cociña e ciscaba sobre ela o aceite ardendo coma se fose un volcán. Ante esta situación xa perigosa, que coidaba producida polo meigallo, decidiu ir onda o cura para que llo quitase de enriba pero ningún dos rezos e ofrendas propostas conseguiron porlle remedio ao problema. O único que se sabe é que, ao final, esta muller e máis o seu home tiveron que deixar a casa e incluso instalarse noutra parroquia.
As Amoras
Esta paraxe tiña hai anos unha apariencia totalmente distinta á que tén hoxe en día e daquela, cando os homes non tiñan ainda un tan grande poder destrutivo por non haber máquinas que permitisen devastar un monte en poucos días e metelo no eido, a vexetación era tan mesta que apenas deixaba pasar a luz do sol e por iso cando ainda se estaba entre o lusco e o fusco, xa semellaba noite pecha. A xente tiña medo de pasar por alí porque a escuridade sempre provoca temor. Pero, ademáis, contan que había un ser misterioso do que ninguén podía explicar a sua natureza. Uns dicían que era humano, outros que era unha alma do purgatorio e outros crían que se trataba dun trasno. No que todos estaban de acordo, era en que se comportaba coma se dunha imaxe se tratase: A cuestión era que, cando alguén subía polo monte, sempre aparecía a mesma imaxe. Deixaba que se aproximase o camiñante e cando chegaba á súa altura... Cortáballe a cabeza! De igual xeito, contan tamén que no mesmo monte había outra imaxe que, como a anterior, agardaba a que o camiñante se achegara. Se o vía despistado, sacaba un peite do bolso e peiteaba ao descoidado.
Logo deixaba que seguise camiño pero sen perdelo de vista e un pouco máis adiante facía o mesmo que a anterior imaxe: Cortáballe a cabeza!. Segundo falan algúns entendidos no tema, estes feitos só acontecían cando ían esas noites claras de verán con lua chea. O Mal de ollo. Aconteceu unha vez en Cangas que unha muller rifou cunha veciña por cuestión dunhas maquías que lle adebedaba e unha noite na que estaba asomada á ventá na compaña do seu home, sentiu como un estremecemento. Ao fitar para o camiño e ainda que estaba escuro, puido enxergar que era a veciña quen os estaba a ollar fixamente. Desde ese intre en que cruzaron as olladas, o seu home comezou a sentirse moi enfermo e ao pouco faleceu. Moi asustada polo acontecido e como ademáis estaba embarazada, foi pregarlle á veciña que retirase do seu corpo a súa ollada dañina. A veciña non só se negou a isto senón que ademáis díxolle que o seu fillo ía nacer entangarañado. Trátase este aollamento dun maleficio voluntario que non só actúa sobre as persoas senón que repercute tamén sobre o neno, ainda no ventre da sua nai, cun efecto de tarangaño ou enganido máis propios do Mal de Aire. Ainda nos anos cincuenta do século pasado, cóntase que entre os devotos da Virxe de Darbo que ían de xeonllos desde a Laxe á igrexa en petición de favores e curacións, tamén había quen procuraba entre as romeiras que acudían, a concorrencia das dúas "Marías" necesarias para tirar o meigallo. O meigallo da Laxe. Debaixo da Laxe da Pena que lle da o nome ao monte, contan os máis vellos que había un burato moi longo. Ainda que hoxe está pechado, todos aseguraban que era dunha mina e que esta chegaba ata a serra de Coiro, percorrendo dous quiló- metros baixo terra. Deste lugar cóntase que nos días de Noiteboa había un misterio dunhas luces que saían de alí e que calquera que se achegase era absorbido para dentro. Tamén se conta sobre a contorna deste lugar que un día unha muller foi ao lago Espiñeiro (presa de rego), situado na ladeira sur do monte da Pena, para regar unha veiga e contoulles aos veciños que alí había un meigallo pois mirou como se lle aparecía unha man que a chamaba para que fora alí. Segundo a memoria dos máis vellos, cóntase que para desfacer este encanto, tiveron que acudir na noite de San Xoán, tres curas e dar sete voltas á laxe do monte, pero na terceira volta espantáronse e fuxiron correndo, sen saberse ainda hoxe o que miraron.