Capítulo 21Curiosidades, Consellas e Contan Que...
Contan que... O monolito de Rodeira. Situado nesta praia e pintado en franxas vermellas e brancas (hoxe en azul e branco) deu moito que falar sobre a sua utilidade e situación: A última conclusión é que servía para fixar a velocidade dos barcos (?) mais o certo é que foi utilizado polos mariñeiros, igual que San Roque, o campanario da igrexa, a marquesiña... no posicionamento dun punto na ría. E con esta misión xa atopamos desde comezos do século XX esta chamada daquela "Torre de Rodeira" que servía de enfilamento coa baliza da Borneira e máis o Monte Faro para entraren os barcos na ría pola bocana sur. No Cabicastro de Adina (Sanxenxo) tamén se conserva outro con idéntica finalidade. O "secreto" de Soage. É esta unha cuestión que se mantén na máis absoluta discreción polo de irreverencia que pode supór para a figura do prócer local. Mais, o certo é que unha das primeiras cousas que un coñecido escritor cangués nos mostrou como unha especie de arcano que servía para acreditar aquilo de que non eres de aquí se non sabes que... é o que semella un membro viril na estatua de Soage se esta se observa desde unha determinada posición por ambos lados e que en realidade son os cóbados do mariñeiro integrado na mesma. Os Invasores. Denominación que se lles deu nos anos setenta aos feirantes de cada martes e venres que pasaron a instalar os seus postos no novo aterramento de r ampliación do peirao entre a praza do Mercado e a Estación de Ría. A ocupación do novo espazo, foi considerada como unha "invasión" e deu lugar ao alcume, relacionado cunha popular serie de televisión destes anos titulada Los invasores e que segundo a publicidade, eran seres extraterrestres dun planeta agonizante, o seu destino, A Terra e o seu propósito, conquistar o planeta. O nome de O Aterrado tamén se comezaría a utilizar como sinónimo destes mercadiños semanais. Cabo do Home e o Facho. O Facho foi unha garita, chamada principal de Punxeiro, que desde o século XVII avisaba con lume ou fume (de aí o seu nome facho popular) da chegada de naves extrañas ou inimigas á ría. Este aviso era transmitido ás garitas do interior co mesmo sistema por un home de garda do que procede o nome de Cabo do Home. A redución a Cabo Home tén levado actualmente a que moitos foráneos anden a preguntar por Cabo Houm como se fose inglés e non galego. Tempos aqueles en que eramos nós os que convertiamos o ingles Cape Town en Capetón... Casas de patín. O apelativo de patín, que tén confundido máis dunha vez a propios e foráneos, obviamente non fai referencia ao significado que a palabra tén en castelán xa que en galego se di patamal. Fai referencia á escaleira exterior das casas, construidas deste xeito por aforro do escaso espazo interior e moi espalladas por Galicia como elemento construtivo. A peculiaridade das de Cangas é que estas escaleiras patinadas ocupaban espazos da vía pública polo que moitas foron desaparecendo onde estorbaban o tránsito dos carruaxes e vehículos.
Casas estreitas. Estas edificacións tamén adoitan pasar desapercibidas e cabe dicir que, ainda que espalladas principalmente polo casco vello, son bastantes as casas f que podemos catalogar ainda hoxe con esta característica. A ausencia de normas construtivas, as partixas e a mesma cativeza do solar (casas do remo) están na orixe destas fachadas exiguas que a pesar das suas escasas medidas, unha delas de 1,55 m., non figuran no Libro dos Records que inclúe outras europeas de maior tamaño de fachada. Anotámolo como curiosidade. A Congorza. Tense interpretado este nome da praia de Balea como cogorza e algúns relacionano coas festas que hoxe se fan nas praias. Mais, o seu nome vén de Congroça, proviñente de congro, un dos peixes de maior captura polos mariñeiros cangueses noutros tempos. A sua abundancia nesta zona ou como lugar de descarga, acreditarían este nome. O Keniata. Con este nome foron designados uns campeonatos de futbol a seis que se iniciaron en Massó no verán de 1980 entre equipos de mozos, apoiados por locais comerciais e de hostalería. En inicio, foron xogadores de balonmán que aproveitaban oparón das suas competicións e imitaban aos campionatos de praias fundados por Leri en Vigo. O porqué do nome segue sen explicarse e dise que foi unha ocorrencia, baseada quizáis no fútbol precario que se xogaba en Kenia e a pinta dos xogadores, pero o certo é que logo se estenderon a Moaña e hoxe contan cunha liga de fútbol 7 con tres categorías.
Altamira. Zona de Cangas onde se ubica o cemiterio e de aí formáronse frases como estar en Altamira, xa foi para Altamira... incomprensibles para moitos. O cura do Cruceiro do Hio. Para algúns dos moitos visitantes desta obra do mestre Cerviño, non pasou desapercibida a presenza dun crego entre as ánimas que purgaban os seus pecados. Por lóxica e respeto á profesión, non é habitual a inclusión de curas nos nosos petos de ánimas e de aí outra exclusividade deste monumento. Segundo referencias, semella que o mestre canteiro Cerviño incluiu esta figura por imitación da que existía no irreverente retábulo da famosa Dema do Hio, constituindo por demáis outro argumento que contribuiu á sua eliminación e destrución. Cangas - Vigo. Cando se usa o transporte de ría, os de Cangas collen basicamente o barco e nun tempo tamén o vapor ou a lancha, como as de Leta, máis pequenas e rápidas. Coller o barco segue a ser hoxe o máis habitual pero desde hai uns anos resulta chocante escoitar en Vigo que van coller o transbordador ou o ferry. E por este medio marítimo crúzase a Ria para ir a traballar, a estudar, a Povisa, a comprar... e ir a Vigo a mirar Can gas. Tamén nalgúns medios dixitais modernos prolifera a afirmación de que Cangas, mar por medio, é un barrio mariñeiro de Vigo cando a nosa vila é Concello desde hai máis de quinientos anos. Terá algo que ver tamén con isto a oliveira que chantaron no peirao de pasaxe? A redonda do "Gordo" De factura recente, este punto viario pronto contou coa sua lenda urbana ao comentarse que os chineses enterraban aos mortos nunha leira próxima ao pensaren que era unha reprodución de Buda. Ao fin comprobouse que só cultivaban unha pequena horta para autoabastecerse. Tamén se dixo que era de Botello ao confundilo con Botero.
Máis certo foi que o chamativo coloso do escultor ourensano Ramón Conde, bautizado como "Avante", foi proposto para candidato nunhas eleccións locais en base a razóns de peso e consta tamén que, inicialmente, non era esta a escultura proposta para este lugar senón outra das ciclópeas estatuas que adoita labrar este artista, pero que foi rexeitada pola sua rotunda, exuberante, rechamante e totalmente espida fisonomía. O Sinal. É o nome dun dos dous barrios que conformaron a antiga vila de Cangas pola que seguiu a sua expansión urbanística paralelamente á praia da Ribeira. O seu nome debeuse ao sinal de término que conformaban unhas rochas frente a desembocadura do río Bouzós, chamado tamén O Señal. Nos documentos antigos menciónase xa con este nome que é unha castrapización de Sinal (El Señal) pero conservando o artigo masculino galego. Nesta ampla zona e despois do asalto dos turcos, construi use unha bateria que logo lle daria nome ao barrio do Forte. Tamén se usou para celebrar mercados, fíxose unha praza pública (eirado) e foi a zona de saída do camiño de Cangas cara a Moaña formándose a rua de Méndez Núñez e facéndose unha nova ponte sobre o rio. Estas pedras do Sinal quedaron por frente do recheo de Ojea e sobre elas ergueuse a escultura de Coya, O Galeón, máis coñecida como da Serenita. O Cristo de la Pila. Chámalle a atención a moitos que o antigo Cristo que non quixo arder se veña denominando como de la Pila (pía en galego) pois na sua efixie non figura este elemento por ningures. Esta identificación provén de 1796 cando se incorpora á daquela ainda colexiata, a imaxe do Cristo do Consolo, esculpido por Juan Pintos, que pasaria a ocupar un lugar preeminente na mesma. Xa que logo, o antigo Cristo ou Bon Xesús do século XVI sería ubicado xunto da Pía Bautismal e por distinción popular pasaría a ostentar esta designación que confunde a moitos visitantes.
O himno de Cangas Non sabemos se oficial ou oficioso, o considerado como himno local pertence a unha canción de Entroido titulada "Pasarrúas dos Pelotaris" que era unha das comparsas que sairon alá polo 1905. A letra e a música atribúense a Cecilio de la Gándara e o himno é o estribillo do que era longo poema dedicado ás belas mozas da localidade. O anecdótico da letra céntrase no uso da palabra pensil que se interpreta como "Persil" (antigo xabón de lavar) cando é unha metáfora moi subliminal e intelixente que identifica un xardín colgante co busto feminino. O Alondras C. F. O nome do club de fútbol local é tamén outra das curiosidades que lle engaden enxundia á vila na hora de "bautizar" cousas. Dise que cando se constituiu o club en 1928, había duas propostas, ambas baseadas nos nomes de duas operetas, daquela de gran éxito e sona: Las Alondras y Las Castigadoras. O nome, disque se decidiu nun partido entre os defensores de cadansua destas propostas, gañando a primeira. Loxicamente, o nome perdería o artigo, optando polo máis neutro, Alondras C. F. Federico Romero e Guillermo Fernández-Shaw. Música: Jacinto Guerrero. Os Fortes militares. Hai dous lugares, un en Cangas e outro en Darbo, que aluden a construcións militares de distintas épocas. O de Cangas, en realidade unha pequena batería con trincheiras que logo deu nome ao barrio actual, non se atopaba neste senón máis ou menos frente ao actual Concello. Foi construida poucos anos despois da invasión turca para protexer esta banda da vila dos posibles desembarcos polo areal que se prolongaba da Ribeira ao río do Señal. O outro Forte estaba en Balea, no mesmo lugar onde en séculos anteriores xa se proxectara unha batería. Este comezada a construirse en 1898 ao temerse un ataque ianqui despois da perda de Cuba. Ao desactivarse a temida invasión, ficaría inacabado, perdurando os seus restos e o nome ata anos recentes.
A praia dos Alemáns O seu nome é praia do Canabal pero nos anos vinte comezaron a facer uso dela os empregados do Deutsch Atlantische Telegraphengesellschaft (DAT ou Cable Alemán) que cruzaban a ría desde Vigo a golpe de remo: Por esta razón acabaría denominándose "dos Alemáns". A Fonte do Cabalo O Apóstolo Santiago de Cerviño que coroa esta fonte desde 1880 leva anos xa maneto do seu brazo dereito no que sostiña unha férrea espada coa aniquiladora de moros. En tempos republicanos foi furtada do seu sitio, ficando "o fillo do trebón" cunha actitude de puño en alto acorde cos tempos que corrían. O paradoxal deste asunto foi que a reposición da arma sustraída foi realizada polo canteira e concelleiro socialista Lorenzo Corbacho, acción que non o salvaría da voráxine fascista. En tempos moi anteriores, cando a fonte se ubicaba no lado oposto ao actual, esta estatua ecuestre xa sufrira a primeira mutilación, esta vez "oficial", pois as beatas radicais daqueles tempos finais do XIX, esixiron das autoridades e do autor un rebaixamento das esaxeradas partes pudendas do cabalo que destacaban unha barbaridade na visión "contrapicada" desde o adro da colexiata. Non cabe dúbida de que o escultor quixo ser realista e non fixo máis que reflectir o antergo e universalizado dito de ter máis dentes que o cabalo de Santiago. Saboneta Foi sinónimo de reloxo durante unha época e os mariñeiros adoitaban traer dos seus periplos marítimos os da marca Savonette que eran como os Rolex de hoxe. Esta designación remóntase á época na que os reloxos eran de peto e ainda non existían os de pulso. É unha palabra francesa (savonette) que vén significar "xabonciño" e que designou por extensión, aos reloxos que levaban unha tapa que se abría premendo na coroa da corda. Contan que Napoleón, sempre con présas, canso de abrir e pechar a tapa do seu reloxo mandou facer un oco na tapa que permitise ver as agullas gravando as horas na mesma. Entón naceu o reloxo chamado "media sabonete" que era como se designaba oficialmente polos reloxeiros locais. Vedrines No galego común denomínanse anda viras ou tarabeles e forman parte do xogo infantil consistente nun "molinete" con aspas de papel prendido no centro a un pau que xira ao correr con el. Esta designación canguesa provén sen dúbida do impacto que o afamado piloto Jules Vedrines causou en todos os pobos daRía cando veu a Vigo, con polémica incluída, a facer unhas exhibicións aeronáuticas no ano 1911. Foi tal a popularidade da exhibición que logo os cativos decidiron imitar ao piloto, xogando a vidrines. Ese home! e Os Carallotes. Exclamación moi utilizada para chamar a atención 1 de alguén ou como saúdo informal. O curioso desta expresión é que procede do latino Ecce Homo (Aquí está o home) utilizada no ritual do Encontro da Semana Santa no que interveñen antigas figuras articuladas. Estas pola sua desproporcionada delgadez eran coñecidas popularmente como Os Carallotes, que son as holoturias, pepinos ou carallos de mar.
Traballar para Aldán. Esta expresión, de vella fasquía, significa perder o día, non sacarlle proveito. Procede da época na que os vasalos e f oreiros do Conde de Aldán por non poderen pagar, debían cubrir esta débeda traballando gratis nas terras condais ata amortizala. A aportación das mulleres nestes traballos era a metade que a dos homes. Meter a bordo. É o mesmo que embarcar, enganar ou aproveitarse de alguén ou de algo. Ir a Vigo a mirar Cangas. Tén un significado semellante á anterior, indicando neste caso, non conseguir na viaxe a Vigo, os obxectivos propostos e retomar sen resolvelos. É dicir, facer unha viaxe en baldío. Facer a godalla (ghodalla). Significa o que noutras partes de Galicia se di latar, faltar a clase. Non está clara a orixe desta palabra que xa foi recollida en Pontevedra polo Padre Sarmiento a mediados do século XVIII. Godallos chamábanlle aos alguaciles da xustiza que practicaban cobros e embargos usando a veces de trampas e enganos, é dicir facendo godalladas ou actos ilegais que é o que facían os estudantes ao non asistiren ás aulas. Ir ao corso. Definíanse así a expedicións infantís destinadas ao roubo de fruta ou facer algunha trasnada. O seu significado está claro que provén da actividade corsaria que en séculos pasados se practicaba nas nosas costas asaltando con permiso oficial os barcos inimigos. A lume de caroso. Expresión que indica rapidez, présa ou prontitude nunha acción que se realiza coa velocidade á que ar-den estes restos das espigas moi usados antano para prender o lume.
Vai chorar a Cangas. Este dito foi moi popular en Galicia e dicíase cando alguén se queixaba de algo irresoluble ou facía peticións extremas co recurso do pranto. Coidamos que tén que ver coa sona que alcanzaron as pranxideiras de Cangas que adoitaban acudir aos enterros. Unha das últimas coñecidas foi Josefa Soto A pechencha. Andar a pan de millo. Dise cando se percibe que algo non alcanza gran rendemento ou anda frouxo, indicando fraqueza, debilidade, falta de forza... Tén numerosos usos e aplicacións, tanto antigas como modernas. Facer ghasolina. É frase moi autóctona e funciona como substituto de botar gasolina ou levar a repostar un vehículo. Os cruceiros. Son bastante abondosos no noso concello e a maioria comezaron a erguerse durante a Contarreforma do século XVI, promovidos polas ordes mendicantes que promovían a idea do Purgatorio. A maioría son ofrendas de persoas piadosas e podentes que ben podían custear a sua construción ou recorrían a colectas entre os fregueses. Situábanse a pé dos camiños ou nas encrucilladas por onde vagaban as ánimas e tamén a Compaña. Arredor deles, ademáis de oracións ofrendas e rituais cris' tiáns, tamén se facían ritos sanatorios e bautizos antecipados como no do Señal ao lado da ponte vella do Forte. Aquí, traemos dous cruceiros que se caracterizan por estaren policromados, estado que se dí propio dos máis antigos. Un deles é o da Magdalena sobre un peto de ánimas tamén policromado, cunha inscrición adicada aos que por alí pasan: vivos ou mortos. O outro é o da Laxe en Darbo do que de tanto fregalo perdeuse a inscrición que logramos reconstruir e dicía: Hecho a cuenta de los cofrades por el racionero Antonio Gestido. Agosto de 1695 (4?). O último cruceiro que traemos a conto é o chamado de Síngulis e tamén do Cristo dos Aflixidos no inicio do Camiño Vello do que se dixo sen fundamento que era "onde se xulgaban ás bruxas de Cangas" cando consta que foi construído moi posteriormente (s. XVII-XIX). Semella que, igual que outros da zona, a sua primeira fasquía presentábase policromada pois ainda hai lembranza de notarse as cores no mesmo. Cruceiro de Síngulis.