⚠️ Web en probas, próximamente activa
🕯️ Crenzas e Maxia

Capítulo 10Demos, Diaños e Seres Malignos

Demos e seres malignos. Non lle escapes á morte. Había en Darbo, no lugar de Santa Marta un labrego que tiña dous criados, un deles nado en Portugal. Naquel tempo facíase unha gran feira de gando en Moaña e un día, no que a choiva semellaba que tentaba desfacer o mercado, alá marchou o "portuguesiño" -que así era coñecido o devandito criado- co encargo de vender os dous bois que levaba. Cando xa levaba algún tempo agardando compradores, oíu unha voz que lle dicía con aires de vento: -Deixa os bois e vaite! Deixa os bois e vaite! O pobre portugués, morto de medo e sacando forzas de Deus sabe onde, berrou cara o vento: -E quen es ti para mandarme fóra de aquí? Un forte remuiño deixou caer uns sons a modo de voz rouca: -Son a morte. A morte! O criado non quixo escoitar máis e, tremendo coma unha vara verde, atou os bois a un carballo da feira e marchou correndo para a casa onde servía. Cando chegou, díxolle ao seu amo: -Eu non quero estar máis aquí nesta terra! A morte mandoumefóra da feira.

Entón o labrego preguntoulle polos bois e o criado díxolle: -Quedaron na feira atados a un carballo. O rapaz, desacougado, saiu de contado para a súa terra, mentres o dono, moi encabuxado, colleu camiño da feira, rosmando polo baixo: -Agora vou alá e vai saber a morte quen son eu. Cando chegou á feira, alí estaba a morte, perto dos bois. O home foi cara a ela e berroulle: -Oes ti, morte... Por que ameazaches ao meu criado?. Quen es ti para ameazalo!

E ela respostoulle: -Eu son a que esta noite tén unha cita con el no camiño de Viana do Castelo. O Demo do monte. Dise que hai moitos anos, nunha desas noites pechas e sen lua, algunhas xentes escoitaron unha música moi bonita e melodiosa. Abriron portas e ventás para escoitar a melodía e pensando que había algunha festa no monte fóronse cara alí. Cando xa estaban no medio do monte, decatáronse de que non había nada, que todo fora un engano dun demo que os atraera alí para matalos e facerse coa sua alma. O home a quen lle escapaban os bois. Contábase que a un veciño da Magdalena sempre se lle escapaban os bois as doce da noite. Un día decidíu quedarse na corte con eles á espreita de quen lles abría a porta. E así pasou un tempo sen novidades ata que unha noite, cara ás doce, cando entrou na corte, mirou un home alí sentado, ficando un tempiño a ollar para el ata que se decidiu a preguntarlle: -Con que es ti quen me soltas os bois. -Si, son eu. E lévote agardando dende hai tres anos pois quería falar contigo. Ás doce do mediodía agárdote na fonte dos Mariñeiros na Ribeira. O dono dos bois foi para a casa e contoulle o acontecido á súa muller quen lle aconsellou que falase co cura pois aquilo cheiraba a cousa do demo. Entón decidiu ir a xunto do cura pero por se acaso, faríao levando unha ristra de allos pendurada do pescozo. Contoulle ao cura o que lle acontecera e este díxolle que fose a encontrarse con el pero advertiulle: -Non te poñas nunca diante del e se te manda pasar diante, dille que pase el primeiro. F oise para a casa e contoulle á muller o que lle dixera o cura. Ao dia seguinte, cando chegou á fonte xa estaba alí o descoñecido personaxe. Este, entón, díxolle que cavase ao lado da fonte. O paisano escavou ata encontrar dúas xarras: unha chea de moedas de ouro e a outra tamén acugulada de moedas de prata. O aparecido díxolle: -Con esas moedas tés que terme unha vela sempre acesa na igrexa e o que che sobre é para ti.

Mais, unha vez que o paisano tivo o ouro, dicidíu gardar para si o tesouro e mercar só duas ou tres velas coas que cumprir a encomenda pois non era moi de crer en andrómenas. Pero, segundo o relato que nos legaron os veciños, consta que, ao que se apagou a última vela, o home morreu. A Dema do Hío. A chamada Dema do Hío alcanzaría a sua sona mítica despois de ser retirada a sua representación do retábulo de ánimas barroco de finais do século XVIII que estaba situado no lado esquerdo da igrexa parroquial tapando unha porta. Este retábulo representaba o misterio da Salvación das almas estando coroado por unha representación da Trinidade na que Deus aparece como unha figura de grandes barbas que suxeita coa sua man esquerda a bola do mundo. Á sua dereita figura unha representación de Xesucristo, tamén con barba, cunha cruz nas mans e no medio destas imaxes, a pomba que representa ao Espíritu Santo. A parte central do retábulo estaba ocupada cun Cristo que hoxe figura nun lateral do altar maior e máis abaixo o Purgatorio, peza que se adosaría ao retábulo da virxe do Carme e na que entre as ánimas figuraba a imaxe dun cura con birrete semellante ao que aparece no cruceiro de Cerviño pero hai quen sostén que este formaba parte da representación do Inferno. Nesta representación era onde destacaba unha muller espida con cornos e con dous grandes peitos dos que se amamantaban sete demiños, vixilantes dos condenados, que era popularmente coñecida como a Dema. Esta exuberancia mamaria que mostraba dise que foi a que provocou un culto á fertilidade que atraía a numerosos visitantes, incluso de Portugal.