⚠️ Web en probas, próximamente activa
🏛️ Mitoloxía e Lugares

Capítulo 02O Santuario do Deus Galaico Berobreo

O santuario do deus Berobreo. Non contamos en Galicia cun corpus mitolóxico da importancia do xermánico, nórdico, islandés ou irlandés e menos comparable ao greco-romano. Dos antigos deuses galegos non coñecemos máis que algúns dos seus nomes (Bandua, Eegiamuniaeco, Baraeco, Antubel, Coso-Oenaeco...) gravados nas aras votivas en sincretismo cos deuses romanos e a sua posible adscrición a cultos hídricos, aos bosques, aos montes... ou a posible relación con deuses celtas como Lug, Cerunnos... pero todo sen atoparmos templos ou locais de culto aos mesmos. Neste sentido de lugar sacro si que cabe destacar entón, a existencia extraordinaria en Galicia do noso Monte do Facho que coas 174 aras dedicadas ao deus indíxena Berobreo, supera en importancia a Fisterra e mesmo ao Monte Sacro dos que só existe un corpus lendario. O culto a Berobreo que se estendeu ata a chegada do cristianismo debeu ter moita importancia como acreditan os achados votivos a este deus, romanizado co apelativo de deo lari, deus doméstico con efectos aplicables á mellora da saúde (per salutem) como se le nunha das inscricións. A primeira ocupación humana deste lugar, remóntase a finais da Idade do Bronce (800 - 600 a. C.) localizándose un poboado que se estendía desde o cume ata a base do monte con arredor duns setenta habitáculos. Na parte máis alta, descóbrese a existencia dun recinto de carácter cultural que xa se podería identificar como de uso relixioso pagano. De entre os anos 400 e o 100 a. C., durante a Idade do Ferro, dátase a exis- tencia da aldea fortificada ou castro galaico, cuxas vivendas e materiais (coitelos, fíbulas, argolas, broches, couzóns, sillares...) estan a ser estudados e catalogados. Pénsase que sería a partir de mediados do século III d. C. (ano 250) cando o monte do Facho xorde como un potente lugar de culto ao deus indíxena Berobreo, perdurando deica o século VI, aproximadamente. Ademáis desta relación cos deuses míticos tamén se recolle alendaria como lugar habitacional dos mouros e relacionado coa vila da Coruxana. Fóra deste contexto do Facho, a única referencia a este deus galaico é unha ara adicada ao deus Bandua Berobrico atopada en en Arcucelos (Laza) a moita distancia do lugar que nos ocupa. Os primeiros achados neste lugar producíronse a comezos dos anos sesenta e viñeron da man de E. Massó Bolívar que nos ratos libres exercía de arqueólogo afeccionado, localizando e procurando restos arqueolóxicos do Morrazo desde os anos cincuenta do pasado século. Na primeira e exígua e escavación do Facho apareceron daquela, trinta e dous fragmentos de aras que foron depositados nos museos de Pontevedra e no de Vigo onde se fixo o estudo e publicación dos catorce elementos que alí se levaron. Fermín Bouza-Brey, J. M. Álvarez Blázquez e E. Massó Bolívar tamén publicaron nos Cadernos de Estudos Galegos do 1971 unha reseña sobre as aras e o santuario. I Nos primeiros anos da década dos setenta, Francisco Fariña Busto, J. Suárez Mariño, Filgueira Valverde, García Alén, Rodríguez Seoane e Pedro Díaz tamén se interesaron polo xacemento, estudando e publicando traballos sobre o mesmo. A epigrafia e a forma das aras confírelle unha especial relevancia polos seus temas decorativos (aspas, arcos, listeis...) que se escapan aos habituais romanos.

Ara romana dedicada ao deus galaico Berobreo no Facho de Donón.
Ara romana dedicada ao deus galaico Berobreo no Facho de Donón.
Detalle de varias aras votivas atopadas no Facho.
Detalle de varias aras votivas atopadas no Facho.
Vista aérea do cumio do Facho de Donón.
Vista aérea do cumio do Facho de Donón.