⚠️ Web en probas, próximamente activa
🏛️ Mitoloxía e Lugares

Capítulo 13Mámoas e Pias Sepulcrais do Neolítico

O Monte da Mamoela. Dase por certo que na nosa zona houbo un tempo en que a xente máis nova por non atender aos vellos cando xa non daban máis que traballos, levábanos ó Monte da Mainoela en Aldán e alí, amarrados a unhas árbores, dise pasaban os derradeiros días da sua vida. Un dia un home levou ás costas ao seu pai porque lle daba moito traballo coidalo, pois xa non podía andar, non comía pola sua man e a sua cabeza non rexía ben. Mais, cando ía polo camiño tivo que pousar ao pai varias veces, pois este, que nos seus tempos mozos era o máis forte do lugar, pesaba o seu. Nun destes folgos o vello díxolle ao seu fillo: -Pésoche moito, meu fillo! -Pesa pai, pesa. Pois, deixame aquí -dixo o vello- que neste mesmo lugar tiven que deixar tamén eu o meu pai. Estas palabras déronlle moito que matinar ao mozo pois se seu pai deixara alí ao seu avó e el deixaba agora ao seu pai, posiblemente o seu fillo habería deixalo tamén a el cando fose vello. Sacando forzas coma cando saiu da casa, puxo a seu pai de novo o lombo e dixolle: -Ímonos meu pai, ímonos para a casa, que se temos unha taza de caldo ímolo repartir e se temos un so prato de patacas tamen o repartiremos. Se dás moito traballo tamén eu llo darei ao meu fillo. E deste xeito, retomou co seu pai e desde entón ninguén voltou a levar os vellos ao Monte da Mamoela, impóndose o morrer na casa.

A Cama do Demo. A cama do Demo é un sepulcro paleocristián encravado enriba dunha rocha ao pé do pazo dos condes de Aldán. Ao contrario que outros sepulcros deste tipo que se lle atribúen aos mouros, deste din os veciños de San Cibrán que era a Cama do Demo ainda que tamén hai outros que sen saber moito por que, prefiren chamarlle a "cama do xudeu". O caso é que quedou na memoria xeracional desde tempos escuros que para multiplicar o poder do mal, erguíase cada sábado á noite deste lugar, o Demo. Dise que para conseguir os seus fins, este percorría a parroquia na procura dunha rapaza para xacer con ela no sartego e, así, ter un fillo cada semana.